Pasar al contenido principal

David Glowacki, un dos líderes mundiais en Realidade Virtual, incorpórase ao CiTIUS da USC

De esquerda a dereita, Patricia Argerey, Antonio López, David Glowacki e Senén Barro. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Patricia Argerey, Antonio López, David Glowacki e Senén Barro. FOTO: Santi Alvite
O científico chega a través do programa Oportunius e co financiamento do Consello Europeo de Investigación (ERC) para desenvolver un novo paradigma para o deseño, a enxeñaría e a simulación a escala nanométrica
Santiago de Compostela

“Os recentes avances no campo da Realidade Virtual, a informática, a tecnoloxía inmersiva e a Intelixencia Artificial, fan que este sexa un momento especialmente emocionante para iniciar este programa de investigación en particular, para producir novos coñecementos de investigación e para desenvolver novas e emocionantes formas que permitan que o público se involucre con diversas ideas científicas”. Con estas palabras resumía David Glowacki (Milwaukee, 1981), a ilusión de comezar unha nova etapa profesional na USC da man do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da universidade compostelá (CiTIUS) e o programa de captación de talento ‘Oportunius’, da Axencia Galega de Investigación (GAIN). Glowacki desenvolverá o proxecto NANOVR, un ambicioso desafío científico que obtivo o respaldo do Consello Europeo de Investigación (ERC) a través dunha das súas axudas ‘Consolidator Grant’, dotada con case dous millóns de euros, e que ten como obxectivo desenvolver un novo paradigma para o deseño, a enxeñaría e a simulación a escala nanométrica.

Os detalles do proxecto e da chegada do investigador presentáronse nunha xornada pública este martes 7, nas instalacións do ‘GaiásTech’, nun acto que contou coa intervención do reitor Antonio López; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey Vilar; o director científico do CiTIUS, Senén Barro; a directora adxunta do CiTIUS, Paula López;  e o propio investigador David Glowacki, que ademais dunha charla explicando os detalles do seu proxecto realizou unha demostración tecnolóxica da súa liña de traballo.

Traxectoria excelente

David Glowacki é o fundador do grupo de investigación ‘Laboratorio de Realidades Intanxibles’ (IRL, polas súas siglas en inglés), que a partir de agora terá a súa sede no CiTIUS. Glowacki ten traballado amplamente na aplicación da Realidade Virtual á simulación e visualización científica interactiva. As súas achegas científicas dan fe da súa versatilidade: ten publicado en ámbitos tan distintos como a física molecular de non-equilibrio, a dinámica clásica e cuántica, a bioquímica computacional, a interacción persoa-ordenador, a computación de alto rendemento, os gráficos por computador , os algoritmos evolutivos, a aprendizaxe automática e a ciencia de datos, a estética dixital, a arte computacional interactiva, a relixión e o poder, a teoría cultural, a óptica ou o desenvolvemento de instrumentos científicos.

As obras de arte computacional inmersivas nas que David Glowacki traballou ao longo dos anos foron experimentadas por máis de 200.000 persoas en tres continentes. Así, participou na autoría, entre outras, da instalación de arte dixital ‘danceroom Spectroscopy’, gañadora de varios premios, e a performance ‘Hidden Fields’, que foron instaladas en varios lugares de renome en Europa, Estados Unidos e Asia; como o Barbican Arts Centre (Londres), o ZKM | Center for Art and Media Technology (Karlsruhe, Alemaña), os Xogos Olímpicos de Londres 2012 (Londres, Reino Unido), o Instituto de Arte da Universidade de Stanford (Pau Alto, California) e o Festival Internacional de Bután (Thimphu, Bután), entre outros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.06.2022.