(Mosteiro de San Martiño Pinario)
Santiago de Compostela
Arturo Iglesias Ortega é o autor deste volume coeditado polo Consorcio de Santiago e a USC

O salón de actos do Instituto de Teolóxico Compostelán, no Mosteiro de San Martiño Pinario, acollerá o mércores 8 de xuño ás 19.00 horas a presentación do libro Catálogo biográfico de la catedral de Santiago de Compostela. Dignidades, canónigos y racioneros del siglo XVI, de Arturo Iglesias Ortega.
O evento contará coas intervencións de Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde e presidente do Consorcio de Santiago; Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; Belén Hernández, xerente do Consorcio de Santiago; Arturo Iglesias Ortega, autor do volume; e Francisco Buide del Real, canónigo arquiveiro-bibliotecario da catedral.
Trátase dunha publicación coeditada polo Consorcio de Santiago e o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC que xa está dispoñible no catálogo da Universidade.
O volume
Partindo do método prosopográfico, e froito dun inxente traballo desenvolvido ao longo de máis de vinte anos, ra obra ecolle unha variada e riquísima información biográfica sistematizada en diversos campos (procedencia xeográfica, social e familiar, idade, formación académica, carreira civil e eclesiástica, defunción, testaría, librerías, etc.) sobre preto de 500 dignidades, cóengos e racioneiros da catedral de Santiago de Compostela do século XVI. Ao mesmo tempo, achega información sobre individuos, familias e institucións dun ámbito social amplísimo e dun marco xeográfico que, superando o estritamente compostelán, alcanza a todo o territorio da antiga Coroa de Castela e mesmo chega ao estranxeiro, converténdose en fonte de consulta indispensable para os investigadores dun amplo abanico de estudos historiográficos.
A obra complétase cun apéndice de case medio centenar de táboas xenealóxicas, que permiten observar as relacións familiares entre os distintos membros do cabido catedralicio de Santiago e cos seus arcebispos, así como a consolidación de auténticas liñaxes capitulares.