Pasar al contenido principal

A USC mantense entre as mellores universidades do mundo, segundo o QS World University Ranking 2023

Vista xeral do campus sur. FOTO: Santi Alvite
Vista xeral do campus sur. FOTO: Santi Alvite
A institución compostelá forma parte dunha listaxe integrada por 1.422 universidades de todo o mundo e na que tamén aparecen outras 30 de España
Lugo, Santiago de Compostela

O QS World University Ranking 2023 acaba de situar a USC no chanzo 751-800 dunha listaxe integrada por 1.422 universidades de todo o mundo e logo de avaliar un total de 2.462 institucións académicas. Ademais, a de Santiago é unha das 31 universidades de España que lograron entrar nesta clasificación. De todos os aspectos analizados, o eido relativo ás redes internacionais de investigación, seguido da reputación académica, son os sectores nos que a USC obtén unha mellor cualificación.  

Esta listaxe, alén de avaliar a reputación, a cal abrangue o 40% da cualificación final que recibe cada institución académica, toma tamén en consideración o prestixio en termos de empregabilidade (10% da puntuación final); a relación entre número de persoal académico e número de estudantes, xa que un alto número de docentes por estudante é interpretado como indicio de compromiso por parte da universidade (20% do resultado final); a media de citacións obtidas por cada membro de cada facultade (20%); e a proporción de persoal internacional (5%); así como de estudantado procedente doutros países (5%).

Ademais, cómpre salientar que o apartado relativo á reputación académica é froito dunha sondaxe que recolle a percepción que de cada institución se ten a nivel internacional e que este ano abrangueu un total de 151.000 respostas. O ítem relativo á empregabilidade tamén é o resultado dunha sondaxe de percepción que obtivo 99.000 respostas na edición deste ano.

Clasificación por materias

Artes e Humanidades, Ciencias da Vida e Medicina, así como Ciencias Naturais son as tres áreas de coñecemento nas que a USC destaca segundo o QS World University Ranking by Subject 2022 que viu a luz o pasado mes de abril. Nesta clasificación por materias, a Universidade ocupa chanzos sobranceiros nun total de catorce disciplinas distribuídas polas diferentes áreas.

En concreto, en Ciencias da Vida e Medicina, a USC sitúase na posición 379, fronte ao intervalo 451-500 do ano pasado. De xeito específico, nesta última área de coñecemento, a institución resalta en catro disciplinas: Farmacia e Farmacoloxía (201-250), Agricultura e Forestais (251-300), Medicina (351-400) e Bioloxía (351-400). Na área global de Artes e Humanidades, a USC está situada no posto 374, destacando nun total de tres subáreas, como son Lingua e Literatura Inglesa (201-250), Linguas Modernas (251-300) e Lingüística (301-310).

Xa no ámbito da Enxeñaría e a Tecnoloxía, a USC sobresae no eido da Enxeñaría Química no intervalo 201-250. O posto 344 é o que ocupa a institución compostelá no eido relativo ás Ciencias Naturais. Neste campo, a Universidade destaca nas subáreas de Física e Astronomía (301-350), así como en  Química, Ciencias medioambientais e Matemáticas (351-400). No capítulo destinado ás Ciencias Sociais e Xurídicas, Dereito no intervalo 301-340 e Economía e Econometría no chanzo 451-500 son tamén posicións salientables para a USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.06.2022.