Pasar al contenido principal

Os solos costeiros de Galicia, a análise nunha xornada organizada pola SECS

Participantes nas xornadas da delegación territorial da SECS, no Parque das Illas Atlánticas
Participantes nas xornadas da delegación territorial da SECS, no Parque das Illas Atlánticas
Os investigadores e técnicos participantes no evento promovido polo Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC en colaboración coa delegación territorial da SECS baixo a coordinación do profesor Xosé Luis Otero percorreron o Parque das Illas Atlánticas e visitaron outros enclaves costeiros para analizar diversos tipos de solos
Lugo, Santiago de Compostela

Os solos costeiros de Galicia centraron esta semana diversas sesións de análise e debate no marco das xornadas técnicas promovidas polo Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e a delegación territorial da Sociedade Española de Ciencia do Solo (SECS), un foro que congregou máis de 30 especialistas e investigadores neste ámbito e que conclúe este venres.

O relatorio ‘Depósitos cuarternarios: Xeodiversidade e patrimonio cultural (Baiona-A Guarda)’, a cargo da profesora do Departamento de Xeografía da USC Manuela Costas Casais, serviu de apertura destas xornadas técnicas, organizadas polo presidente da delegación territorial da SECS e coordinador científico da Rede de Estacións Biolóxicas da SECS, Xosé Luis Otero.

As persoas que tomaron parte neste encontro científico arredor dos solos costeiros de Galicia aproveitaron tamén esta xuntanza para realizar un percorrido polo Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, a fin de analizar sobre o terreo diferentes solos sobre paleodunas, solos antrópicos e outros aspectos xeomorfolóxicos deste singular enclave natural.

Outras visitas técnicas para comprobar solos desenvolvidos en depósitos de ladeira no concello de Oia e solos hidromorfos de marisma, en A Guarda, ademais dunha visita ás instalacións da adega Terras Gauda, completan o programa desta xornada técnica, en cuxa organización tamén colaboran a Rede de Estacións Biolóxicas da USC, CRETUS, UVigo e o Instituto de investigacións Agrobiolóxicas-CSIC de Galicia.

O presidente da delegación territorial de Galicia da SECS, Xosé Luis Otero, salienta, alén de favorecer o intercambio científico, este tipo de xornadas pretenden achegar a estudantes e asociados ao coñecemento dos solos de Galicia, ade,aos de divulgar e, se cabe, sensibilizar á cidadanía sobre a importancia que ten a conservación do terreo para o medio ambiente e a sociedade.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.06.2022.