O investigador do IGFAE Pier Paolo Giardino repasará o que sabemos desta partícula dez anos despois da súa detección e a investigación que nos deparará no futuro

A Aula Magna da Facultade de Física da USC acollerá o venres 17 de xuño ás 12.00 horas a primeira das actividades que o IGFAE promoverá durante o ano para celebrar o aniversario deste achado, o coloquio 'O bosón de Higgs, un camiño cara ao descubrimento', do investigador Pier Paolo Giardino.
O 4 de xullo de 2012, o CERN anunciou o descubrimento dunha partícula cuxas características parecían coincidir coas dun bosón de Higgs. Dez anos despois, aínda non detectamos ningunha desviación significativa do que predicía o Modelo Estándar, e esta partícula parece ser o bosón de Higgs descrito nos libros de texto clásicos de teoría cuántica de campos. Isto non implica que non haxa nada novo que aprender dela. De feito, todo o contrario: o bosón de Higgs aínda pode sorprendernos, e o estudo das súas características é de importancia fundamental para a investigación da física máis aló do Modelo Estándar. En honra ao décimo aniversario do descubrimento do bosón de Higgs, relataranse algúns dos estudos pasados sobre as súas propiedades, a nosa comprensión actual da súa fenomenología e o que a investigación pode levarnos a facer no futuro. O acto será en inglés e poderá seguirse tamén a través de Zoom na seguinte ligazón