Pasar al contenido principal

O IDIS incrementou en 2021 a súa captación de fondos nun 32%

O acto de presentación contou coa intervención do reitor da USC, Antonio López; do conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña; da xerente da área Sanitaria, Eloína Núñez e a directora científica do IDIS, Luz Couce. FOTO: Santi Alvite
O acto de presentación contou coa intervención do reitor da USC, Antonio López; do conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña; da xerente da área Sanitaria, Eloína Núñez e a directora científica do IDIS, Luz Couce. FOTO: Santi Alvite
A USC participa neste centro pioneiro en investigación científica sanitaria en España, tanto polos seus recursos, como polo número de estudos, publicacións e persoal investigador
Santiago de Compostela

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), no que participa a USC, presentou este martes a súa memoria correspondente ao ano 2021 cuns datos que avalan a relevancia do centro como pioneiro en investigación científica sanitaria en España, tanto polos seus recursos, como polo número de estudos, publicacións e persoal investigador. Quince millóns de euros máis captados para investigación respecto a anteriores exercicios, 128 proxectos, 100 ensaios clínicos, 77 novos contratos, 31 patentes e 107 solicitudes son algúns dos datos máis relevantes contidos no informe.

De feito, durante o pasado ano, o IDIS superou os 46 millóns de euros en captación de fondos, un 32% máis que en 2020 e o dobre que en 2016. O acto de presentación contou coa intervención do reitor da USC, Antonio López; do conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña; da xerente da área Sanitaria, Eloína Núñez e a directora científica do IDIS, Luz Couce.

Produción científica

En canto á publicación de artigos por ano, os 1.023 de 2021 apareceron en 527 publicacións internacionais indexadas no ‘Journal Citation Report’, cun impacto acumulativo de máis de 7.000 puntos. Como mostra do incremento do impacto, en 2020 publicáronse 100 artigos menos, 923, pero o impacto foi de algo menos de 5.500 puntos.

Nesta mesma liña atópanse os 128 proxectos dos que 83 son estatais, 34 rexionais e 11, internacionais. Á inversa ocorre cos 100 ensaios clínicos dos que 85 teñen carácter internacional. No caso do total doutros estudos, 120, o maior peso preséntano os estatais, con 56; seguidos dos locais, con 35; os internacionais, con 24; e finalmente os rexionais con cinco.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.06.2022.