O programa ‘Camiños de coñecemento e experiencia’ impartiu formación a máis de 400 persoas nas provincias da Coruña e Pontevedra

O programa formativo ‘Camiños de coñecemento e experiencia’ dirixido a persoas maiores de 50 anos das comarcas da contorna de Santiago de Compostela e da súa zona de influencia administrativa e sociocomunitaria, celebrou este martes 22 a súa sesión de clausura nun acto institucional que se desenvolveu no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. O obxectivo principal do programa é favorecer a democratización do coñecemento e céntrase, de xeito específico, naquelas persoas que, por diferentes motivos, non poden sumarse ao IV Ciclo universitario. O programa contou en 2022 con máis de 400 alumnos/as participantes.
A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández, presidiu a sesión na que tamén interviñeron a directora do IV Ciclo da USC, Esther Olveira; o subdirector xeral de Planificación, Sistemas de Información, Calidade, Humanización e Innovación, Javier Ventosa Rial; e a investigadora postdoutoral ‘Margarita Salas’ USC-UCM, Laura Touriñán Morandeira, encargada de pronunciar a lección maxistral.
O acto de clausura serviu de marco para a entrega de diplomas aos representantes dos concellos participantes no programa: A Estrada, A Pobra do Caramiñal, Arzúa, Cambados, Lalín, Melide, Muros, Noia, O Pino, Ordes, Outes, Padrón, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Silleda, Teo, Vedra, e Vilagarcía de Arousa. A iniciativa conta con financiamento da Consellaría de Política Social da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.
As actividades que integran esta iniciativa desenvolvéronse entre os meses de marzo e xuño e consisitiron en seminarios teórico-prácticos e visitas guiadas a lugares emblemáticos da cidade compostelá, entre outros emprazamentos. “Pretendemos que a Universidade sexa un pulmón de osíxeno do coñecemento tamén na contorna rural galega”, explican dende o IV Ciclo da USC.
Crear canles de cooperación e intercambio, promover a investigación e a innovación educativa nos programas formativos como estratexia para un envellecemento activo e saudable e favorecer o traballo conxunto entre as universidades e outras entidades que compartan o obxectivo común da formación das persoas maiores, son algúns dos obxectivos que se perseguen en virtude deste programa formativo.