As conclusións coñeceranse no marco da asemblea anual do Centro Internacional de Investigación e Información sobre Economía Pública, Social e Cooperativa

O Centro Internacional de Investigación e Información sobre Economía Pública, Social e Cooperativa, centro de referencia na investigación en cooperativismo e economía social, celebra este xoves, 23 de xuño, a súa asemblea anual no marco da capitalidade española da Economía Social, que ostenta a cidade de Santiago de Compostela. O acto realízase da man do Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP) da USC, que forma parte do Consello de Dirección de CIRIEC-España. Xunto á asamblea de acceso restrinxido, realizarase a presentación pública do Informe 2022 sobre Formación Universitaria en Economía Social en España, realizado pola Rede Interuniversitaria de Institutos e Centros de Investigación en Economía Social á que tamén pertence o CECOOP. O acto estará presidido polo reitor Antonio López.
Creado en 2002 pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais, como Centro Universitario mixto, o CECOOP está dedicado á investigación, formación e o estudo do cooperativismo na súa dimensión económica e xurídica, no ámbito galego, español, europeo e internacional. Actualmente o CECOOP está dirixido pola profesora Maite Cancelo Márquez, sendo o presidente do Comité Científico o profesor Manuel J. Botana Agra. O CECOOP é o centro de referencia en Galicia para a investigación en cooperativismo e economía social, coa realización de estudos de relevancia como os informes periódicos sobre a Economía Social en Galicia.