Pasar al contenido principal

O presidente do Comité Internacional da Cruz Vermella, Peter Maurer, obtén o premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia

Peter Maurer, que naceu en 1956 na cidade suíza de Thoune, sobresae pola súa dilatada carreira diplomática no seu país de orixe e na esfera internacional. FOTO: ICRC/ Thierry Gassmann
Peter Maurer, que naceu en 1956 na cidade suíza de Thoune, sobresae pola súa dilatada carreira diplomática no seu país de orixe e na esfera internacional. FOTO: ICRC/ Thierry Gassmann
O reitor Antonio López subliñou que a concesión deste galardón “pon o foco nunha institución que conta cunha dilatada traxectoria na asistencia humanitaria e no coidado dos dereitos fundamentais”
Santiago de Compostela

O xurado do XXVI Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, do que forma parte a USC, acaba de recoñecer o rol de Peter Maurer como presidente do Comité Internacional da Cruz Vermella por promover “o fortalecemento da diplomacia humanitaria para garantir o respecto do dereito internacional”. No seu ditame, os membros do xurado estenden a súa distinción ao Comité no seu conxunto, unha  “institución independente e neutral, que protexe e asiste ás vítimas dos conflitos armados e de outras situacións de violencia”. Un labor que estiman é “especialmente relevante dado o actual conflito armado en Ucraína, no corazón de Europa” e que sinalan “provocou unha crise humanitaria”.

En relación a este ditame, o reitor da USC, Antonio López, subliñou que “a concesión do premio pon o foco nunha institución que conta cunha dilatada traxectoria na asistencia humanitaria e no coidado dos dereitos fundamentais”. Ademais, apuntou que “a actuación de Cruz Vermella resulta chave á hora de brindar protección a civís inocentes que se atopan inmersos en contendas armadas e outras situacións de violencia”.

Ao coñecer a resolución, Peter Maurer declarou sentirse honrado de aceptar esta distinción e manifestou que “foi un privilexio servir como presidente do Comité durante os últimos dez anos, traballando para fortalecer a diplomacia humanitaria e aliviar o sufrimento en lugares como Afganistán, Iraq, Siria, o Sahel e Ucraína, entre outros”. “Este premio recoñece a dedicación do persoal do Comité que, a miúdo cun custo persoal, presta servizos de asistencia e protección ás comunidades afectadas por conflitos e crises en todo o mundo”, engadiu.

A cerimonia de entrega do XXVI Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia terá lugar o 8 de setembro de 2022 no marco da XXVIII Asemblea Xeral do GCU, organizada pola Universidade de Friburgo (Suíza). Neste acto, faráselle entrega ao galardoado dunha cuncha de ouro, emblema da rede.

Traxectoria do premiado

Peter Maurer, que naceu en 1956 na cidade suíza de Thoune, sobresae pola súa dilatada carreira diplomática no seu país de orixe e na esfera internacional. Previamente, cursou estudos de historia e dereito internacional en Berna, tras os que obtivo un doutoramento.

Comezou a súa andaina profesional no ámbito diplomático no seo da Confederación Suíza en 1987, antes de ser designado primeiro colaborador do xefe da Misión Permanente de Observación de Suíza ante as Nacións Unidas en 1996. Como embaixador e xefe da Misión Permanente do seu país ante as Nacións Unidas (2004), traballou pola integración do leste nas redes multilaterais. Despois, presidiu a quinta comisión da ONU (2009), encargada dos asuntos administrativos e orzamentarios da organización.

En 2010 regresou ao seu país de orixe, ocupando o cargo de secretario de Estado para Asuntos Exteriores. Dende 2012, exerce a presidencia do Comité Internacional da Cruz Vermella e, baixo a súa dirección, a organización desenvolve actividades humanitarias en máis de 80 países.

Composición do xurado

A reunión do xurado do XXVI Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, estivo presidida polo director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo Suárez, en delegación do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González. Integraron o xurado, ademais do reitor Antonio López, o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kręglewski; o reitor da Universidade de Oviedo, Ignacio Villaverde Menéndez; e o reitor da CETYS Universidad (México), Fernando León García. A secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades, María Teresa Carballeira Rivera, exerceu de secretaria do xurado.

O Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia instituíuse en 1996 a raíz da firma dun acordo entre o Grupo Compostela de Universidades (GCU) e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para a súa creación. Dende a súa primeira convocatoria en 1997, este recoñecemento foi outorgado a figuras de proxección internacional como Jacques Santer (1997), Vaclav Havel (1998), Carla del Ponte (2001), Mohamed AlBaradei (2010) Marcelino Oreja Aguirre (2017), María Pilar Alonso Abad (2018) ou Francisco Javier Solana de Madariaga (2021). Ademais de distinguir o labor desenvolvido por institucións como a iniciativa Helsinki Group of Women and Science (2006), a institución académica Colegio de Europa (2012) e o programa Erasmus (2015).

O Grupo Compostela de Universidades (GCU) é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, recoñecida como entidade de utilidade pública, que traballa en favor da colaboración e promove o diálogo en todos os ámbitos da Educación Superior. O GCU comezou a súa andaina no ano 1994 e dende a súa creación foi crecendo ata unir ao seu camiño a máis de 60 universidades.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.06.2022.