Con motivo da celebración do Día Internacional do Orgullo o 28 de xuño, a Biblioteca Concepción Arenal organiza unha mostra de banda deseñada sobre temática LGBTIQ+

Do 23 ao 30 de xuño, a exposición 'Orgullo no cómic' busca achegar á comunidade universitaria o avance dos dereitos LGTBIQ+ no eido político e social e representar a pluralidade que impregna a cultura contemporánea a través deste medio narrativo que utiliza as imaxes como base para contar historias e expresar emocións e ideas.
A finais de xuño de 2005, o Congreso aprobaba a modificación do Código Civil español para dar cobertura xurídica ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo e legalizar a adopción homoparental. Un ano despois publicábase o primeiro cómic español de temática lésbica Salidas de emergencia, das autoras Rosa Navarro e Gema Arquero. Dende aquela, a banda deseñada da contorna estatal non deixou de afondar e normalizar a diversidade sexual, plasmando en debuxos a realidade LGBTIQ+. Con motivo da celebración do Día Internacional do Orgullo, a exposición amosa o que se pode atopar sobre o tema na colección de cómics da biblioteca.