Pasar al contenido principal

A USC súmase ás reivindicacións da Rede de Universidades pola Diversidade en defensa do colectivo LGTBIQ+

A USC conmemoria o Día Internacional do Orgulo LGTBIQ+. FOTO: Santi Alvite
A USC conmemoria o Día Internacional do Orgulo LGTBIQ+. FOTO: Santi Alvite
A institución compostelá subscribe o manifesto ‘Orgullo Universitario’ da RUD, publicado este martes 28 de xuño con motivo do Día Internacional do Orgullo 2022

A Universidade de Santiago de Compostela forma parte da trintena de institucións que asinan o manifesto ‘Orgullo Universitario’ da Rede de Universidades pola Diversidade (RUD), unha declaración pola que se comprometen cos dereitos do colectivo LGTBIQ+.

O texto denuncia as “desigualdades sociais que aínda existen no noso país por razón de orientación sexual, identidade ou expresión de xénero e características sexuais” e , reivindica a “equidade para todas as persoas”. A través deste manifesto, as institucións recoñecen a existencia de “factores discriminatorios, secuelas do pasado que aínda subsisten na nosa cotiandade que serven para situar as persoas desigualmente na sociedade”, ao tempo que alertan do mantemento de “prexuízos sociais” cara ao colectivo LGTBIQ+ e demandan “un marco xurídico que protexa os seus dereitos e garanta a igualdade real e efectiva que proclama a Constitución”.

No Día do Orgullo de 2022, a Universidade de Santiago de Compostela, a través da Delegación do reitor para a Igualdade, creada este mesmo ano, quere comprometerse co colectivo LGTBI da comunidade universitaria garantindo a protección e defensa dos seus dereitos, a igualdade de oportunidades e a seguridade dentro da contorna da institución. Cara a este fin, a USC ten dado os primeiros pasos a través do Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero, que procura dar resposta a posibles condutas de discriminación e acoso producidas no seo da comunidade universitaria. Tamén desenvolveu o Protocolo de actuación para os cambios de nome e de mención relativa ao sexo das persoas transexuais, transxénero e intersexuais na USC, efectiva ante calquera xestión na contorna universitaria. A Delegación é consciente de que queda, con todo, moito traballo por facer para garantir os dereitos básicos do colectivo. Neste senso, o compromiso da USC pasa pola integración da diversidade nos planos de estudos, na formación académica e na investigación, pola promoción de estudos de temática LGTBI e pola recuperación da memoria colectiva.

O texto íntegro do manifesto ‘Orgullo Universitario 2022’ da RUD está ao dispor da comunidade universitaria na web da Oficina de Igualdade de Xénero da USC.

De recente creación, a Rede de Universidades pola Diversidade está integrada pola Universidade da Coruña, a Universidad de Alcalá, a Universitat d’Alacant, a Universidad de Almería, a Universitat Autònoma de Barcelona, a Universidad Autónoma de Madrid, a Universitat de Barcelona, a Universidad Carlos III de Madrid, a Universidad de Cádiz, a Universidad de Extremadura, a Universitat de Girona, a Universidad de Granada, a Universidad de Huelva, a Universidad de Jaén, a Universidad de La Laguna, a Universidad de La Rioja, a Universidad de León, a Universitat de Lleida, a Universidad de Málaga, a Universidad Miguel Hernández de Elche, a Universidad de Oviedo, a Universidad Pablo de Olavide de Sevilla, a Universidad Politécnica de Cartagena, a Universitat Politècnica de València, a Universitat Pompeu Fabra, a Universidad Rey Juan Carlos, a Universitat Rovira i Virgili, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universitat Oberta de Catalunya, a a Universidad de Valladolid, a Universidade de Vigo e a Universitat Jaume I de Castellón.

Outras accións para conmemorar o Día do Orgullo LGTBIQ+, na USC

Con motivo da celebración do Día Internacional do Orgullo, a Biblioteca Concepción Arenal abeira estes días unha mostra de banda deseñada sobre temática LGBTIQ+. Aberta ao público do 23 ao 30 de xuño, a exposición 'Orgullo no cómic', a exposición busca achegar á comunidade universitaria o avance dos dereitos LGTBIQ+ no eido político e social e representar a pluralidade que impregna a cultura contemporánea a través deste medio narrativo que utiliza as imaxes como base para contar historias e expresar emocións e ideas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.06.2022.