A ecofeminista Yayo Herrero impartirá esta conferencia que organiza a Casa Xohana Torres en colaboración coa USC

O Salón de Actos da Facultade de Filosofía acollerá o vindeiro 4 de xullo a conferencia "Ecofeminismo e cambio climático. Seguridade e equidade nos tempos do Antropoceno", impartida pola antropóloga, enxeñeira, profesora e activista Yayo Herrero . Na súa intervención, Herrero reflexionará sobre o momento de crise de civilización no que vivimos, no que o cambio climático e o declive de enerxía e materiais poñen en situación de risco ao conxunto dos seres vivos. Deconstruír os mitos e crenzas nos que se apoia unha cultura ecocida, patriarcal, colonial e inxusta é un paso previo para reorientar subxectividades e prácticas que poñan a vida como unha prioridade.
Yayo Herrero é a voz máis destacada do ecofeminismo no Estado español. Profesora-colaboradora da Cátedra UNESCO de Educación Ambiental e Desenvolvemento Sostible (UNED) é tamén socia fundadora da sociedade cooperativa Garúa e autora de numerosos libros sobre ecoloxía social entre os que se encontran Los cinco elementos ou Ausencias y extravíos.
Esta actividade está organizada pola Casa Xohana Torres, do Concello de Santiago de Compostela, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela a través da Delegación do reitor para a Igualdade e a Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC. A asistencia é libre ata completar a capacidade da sala.