Pasar al contenido principal

VII edición

'Inside the lab'

01.07.2022 | 10.00h-14.00h

A xornada anual de demostración tecnolóxica do CiTIUS perante industria e organizacións, recupera este venres o formato presencial coincidindo co décimo aniversario do centro.

VII edición de 'Inside the lab'
VII edición de 'Inside the lab'

Empresas, administracións e profesionais do sector volverán atoparse este venres, 1 de xullo, durante a sétima edición de 'Inside the Lab', o encontro anual de demostración tecnolóxica do CiTIUS. Desde as 10.00, e ata as 14.00 horas, as portas do centro abriranse de novo para recibir as e os visitantes deste evento dirixido ao tecido socioeconómico, no que se darán a coñecer algunhas das tecnoloxías con selo do Centro Singular de Investigación da USC que se atopan na actualidade nun estado de maduración máis avanzado (ou o que é o mesmo: listas para ser transferidas á industria).

Entre as principais novidades desta xornada, que en 2022 recupera plenamente o formato presencial, destaca a intervención do novo investigador vinculado do centro, David Glowacki. O científico estadounidense, presentado recentemente nun acto público na Cidade da Cultura de Galicia, realizará unha demostración do seu traballo con tecnoloxías de Realidade Virtual, un ámbito que lidera a nivel mundial, e que tamén centrará o seu primeiro desafío no centro: o proxecto 'NanoVr', financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC) con case dous millóns de euros.

Ademais desta demostración, os visitantes de Inside the Lab 7 atoparán outros 11 puntos repartidos polo centro, con información de primeira man sobre as tecnoloxías máis punteiras do CiTIUS en distintos eidos, como o deseño de chips, a lingüística, o procesado de imaxe médica, a exploración interactiva de datos ambientais, o agrupamento automático de series temporais, ou o mapeado e seguimento de datos mediante imaxes multi-hiperespectrais e técnicas LiDAR. De igual xeito, o encontro volverá contar coa presenza de dúas spin-off do centro: Situm Technologies e Inverbis Analytics.

A lista completa de demostradores está dispoñible na web do evento, e inclúe vídeos de avance presentados polo equipo responsable de cada demostrador. Para participar en Inside the Lab 7, o único requisito é cumprimentar o formulario oficial de rexistro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.06.2022.