Pasar al contenido principal

Éxito de participación na I Feira de Innovación USC-ABANCA

Foto: Santi Alvite
Foto: Santi Alvite

Rapaces e rapazas de institutos de toda Galicia comezaron a achegarse na mañá deste martes á Cidade da Cultura para participar na I Feira de Innovación USC-ABANCA. Organizada pola USC, nela móstrase todo o potencial formativo, investigador e de transferencia de coñecemento da Universidade á vez que inclúe o III Campus ABANCA de fomento do talento e o emprendemento.

A inauguración correu a cargo do director xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; do presidente de Afundación e director xeral de RSC e Comunicación de ABANCA, Miguel Angel Escotet, e do reitor Antonio López, para quen “o gran reto que temos por diante é a innovación. A renovación do coñecemento é actualmente vertixinosa; non basta xeralo, hai que saber transferilo”. “ Aquí, na Feira, ides atopar investigación, innovación e formación en bata branca e sen bata branca; dende as ciencias experimentais ata as humanidades”, díxolle aos asistentes.

Miles de visitantes Na Feira participarán máis de 2.000 estudantes, que terán a oportunidade de asistir a exhibicións das máis innovadoras tecnoloxías, presentación de spin-offs e patentes xurdidas na Universidade compostelá, obradoiros de emprendemento, charlas e conferencias, entre outras moitas actividades.

Nun espazo de 500 metros cadrados a Feira contempla durante dúas xornadas actividades interactivas desenvolvidas por persoal investigador de centros da USC como demostracións de impresión 3D, robots e software de modelado de moléculas. Conectarase tamén a través de internet con egresados e egresadas da USC en empresas e institucións como a Xunta de Galicia, o CERN, a Real Academia Galega ou a Academia Española.

Na Feira están ademais presentes diversos servizos, como a Oficina de Información Universitaria, que resolverá todas as dubidas acerca do ingreso na Universidade nos seus 50 graos, 10 dobres graos, 67 mestrados oficiais e máis de 100 cursos propios nos dous Campus (Santiago e Lugo). Dáse conta tamén da actividade investigadora da USC, con 300 grupos de investigación nas cinco grandes áreas, tres agrupacións estratéxicas, 11 institutos, tres centros singulares e 1 María de Maeztu.

O Servizo de Publicacións da USC, a editorial máis antiga de Galicia, ou Unitenda, con interesantes descontos, son outros espazos que se poden atopar na feira.

Conferencias divulgativas Ao longo da Feira desenvólvese o ciclo de conferencias divulgativas ‘Amosar e transferir o coñecemento’, que inaugurou o catedrático Ángel Carracedo cun relatorio sobre o ADN e a xenética forense que ateigou de público o auditorio.

Por esa sala pasaron e pasarán tamén os docentes e investigadores da USC Ángel Carracedo, Jorge Mira, María Cadaval, Francisco Dubert, Paz García, Sebastián Villasante, María José Alonso, Marilar Aleixandre, Santiago Galdo e Ramón Díaz, con temáticas que van dende os fusos horarios aos fármacos e drons, pasando polos océanos, a investigación xurídica ou as linguas en contacto.

Haberá tamén unha mesa de debate titulada ‘Impulsando a I+Nutrición’, promovida co apoio de Carrefour, que contará con representantes de empresas como Feiraco, Frinsa ou Aceites Abril.

Campus ABANCA A Feira inclúe ademais a III edición do Campus ABANCA, cun programa de obradoiros, relatorios con especialistas de máximo nivel e a presentación dos proxectos finalistas do concurso dirixido a estudantes cunha idea ou proxecto de negocio baseado nas profesións do futuro: emprendedor, fundador de startup, ecommerce, profesional do marketing, community manager, deportista de elite, músico profesional ou actividades relacionadas coa música e as artes, coa innovación social e a sustentabilidade, a investigación e a industria 4.0.

A I Feira de Innovación USC-ABANCA conta ademais coa colaboración da Xunta de Galicia, a Cidade da Cultura, Carrefour, Coca-Cola e Biscuits Galicia.

Foto: Santi Alvite Foto: Santi Alvite Foto: Santi Alvite

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.11.2018.