Pasar al contenido principal

A rede ‘Vémonos no Monte!’ dá pulo a accións para o control de especies exóticas invasoras nos hábitats galegos e portugueses

A iniciativa conta co apoio da Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e con financiamento Erasmus +
Santiago de Compostela

Vémonos no Monte!’ é unha rede transfronteiriza de brigadas semiprofesionais que desenvolven actuacións contra especies de flora invasoras en diferentes espazos naturais galegos e portugueses do Norte, con especial incidencia no xénero Acacia. Esta rede busca responder a necesidades comúns a ambos lados da fronteira en temáticas ambientais, prioritariamente forestais, con actividades de control de especies exóticas invasoras nos hábitats galegos e portugueses. Estas actividades céntranse na problemática da acacia (fundamentalmente Acacia melanoxylon e Acacia dealbata), pola súa relevante repercusión no deterioro dos ecosistemas e no aumento do risco de incendios forestais. Ao longo de 18 meses, ‘Vémonos no Monte!’ desenvolverá un programa de actividades composto por xornadas intervencións teórico-prácticas sobre erradicación e control de especies exóticas, seminarios transfronteirizos, talleres de capacitación técnica, elaboración de guías e reportaxes audiovisuais, entre outras numerosas iniciativas.

As actividades programadas xorden da asociación de colaboración entre a organización portuguesa Máquina Lírica e as galegas Fundación Montescola e Fundación CEER (Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal). Para levalas a cabo, contan co financiamento do programa europeo Erasmus +. O obxectivo desta colaboración é o desenvolvemento de accións de formación destinadas a persoas adultas, coa xeración de itinerarios de capacitación, fundamentalmente prácticos, en sectores laborais no ámbito da conservación ambiental, a silvicultura e a prevención dos incendios forestais, aplicables a ambos lados da fronteira.

‘Vémonos no Monte!’ está motivado pola necesidade de sumarse aos esforzos que se veñen desenvolvendo en Galicia e no Norte de Portugal dende hai varios anos por asociacións ecoloxistas coa organización de brigadas desacaciadoras e deseucaliptizadoras, con persoal voluntario, para o coidado dos espazos naturais máis vulnerables pola problemática común da extensión de especies de exóticas invasoras. Nestas accións, foi identificada a demanda de capacitar ás persoas que forman parte dos movementos comunitarios e sociais que se están a organizar arredor de conflitos ambientais locais, rexionais e transnacionais; así como a necesidade de colaborar entre entidades dos territorios veciños de Galicia e o Norte de Portugal, para o intercambio de coñecemento e boas prácticas.

Beneficiarios de ‘Vémonos no Monte!’ serán tamén as comunidades de montes veciñais de man común e persoas titulares de parcelas de monte na Eurorrexión, ao contar coa intervención das brigadas formadas a partir deste proxecto.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.07.2022.