Pasar al contenido principal

Humanidades fornece o “afán profesional” do seus titulados cun manual de xestión cultural na era dixital

Anxo Lorenzo, Javier Arias, María José Gómez, Román Rodríguez, Dolores Fernández, Gonzalo Fernández e Francisco Fraga, na Facultade de Humanidades
Anxo Lorenzo, Javier Arias, María José Gómez, Román Rodríguez, Dolores Fernández, Gonzalo Fernández e Francisco Fraga, na Facultade de Humanidades
O conselleiro Román Rodríguez salienta na presentación do volume coordinado polos profesores Gonzalo Fernández Suárez e Dolores Fernández Tilve que o grao en Xestión Cultural constitúe unha visión moderna das Humanidades clásicas que sintetiza con harmonía xestión, cultura e mundo dixital e atende as necesidades dun sector que ocupa 30.000 persoas e representa o 3% do PIB de Galicia

A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC fornece o “afán profesionalizante” dos seus futuros titulados no grao en Xestión Cultural cun manual sobre xestión cultural na era dixital, un volume coordinado polos profesores da USC Gonzalo Francisco Fernández Suárez e María Dolores Fernández Tilve presentado este mércores no centro universitario lugués nun acto no que o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, fixo unha defensa explícita do novo grao en Xestión Cultural, porque “constitúe un itinerario formativo que sintetiza con harmonía conceptos chave para a política cultural da Xunta de Galicia como son a xestión económica, a cultura e o mundo dixital, ao tempo que pode cubrir as necesidades e atender as novas expectativas dun importante sector económico que xa ocupa 30.000 persoas en Galicia e representa o 3% do seu PIB”.

Román Rodríguez fixo estas declaracións durante a presentación do libro ‘La gestión cultural en la era digital’, un concorrido acto no marco do que o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC se referiu á xestión do patrimonio cultural como un dos ámbitos que, pola súa ligazón directa co territorio, debe atender o Campus Terra na súa condición de Campus de Especialización acreditado pola Xunta de Galicia. Francisco Fraga tamén puxo en valor na súa intervención a posibilidade de cursar o grao en Xestión Cultural de xeito semipresencial na USC, que tamén avanza no desenvolvemento dun regulamento específico que permita potenciar este tipo de ensinanzas non presenciais e favorecer así a captación de máis alumnado.

“A cultura achega benestar emocional e condiciona a nosa forma de ser e de actuar”, afirmou o conselleiro, para, de seguido facer fincapé na importante dimensión económica que implica a organización, xestión e promoción de actividades das distintas manifestacións artísticas e culturais. Román Rodríguez sinalou asemade o mundo da cultura como un dos ámbitos con boas perspectivas para a creación de emprego, unha realidade que Galicia pode e debe aproveitar, porque contamos con empresas e industrias culturais capaces de achegar novos produtos adaptados á era dixital na que nos atopamos, dixo.

Os coordinadores deste novo volume sobre xestión cultural, “un libro que aspira a convertese en manual de referencia para todos os profesionais da xestión cultural, tanto no que atinxe a formación como á propia actividade que desenvolven as industrias culturais”, sinalaron. Respecto dos contidos incluídos no volume, os seus coordinadores explicaron que esta obra compila preto de vinte artigos nos que investigadores de renome abordan a práctica totalidade das temáticas xa contempladas no plano de estudos do grao en Xestión Cultural (economía, xénero, videoxogos, educación patrimonial, innovación dixital, industrias culturais, emprendemento, cultura inclusiva...). O decano da Facultade de Humanidades aproveitou esta sesión para reivindicar a pertinencia de converter este centro universitario do Campus de Lugo da USC en referencia de todos os niveis e disciplinas formativas actuais e futuras que teñan ligazóns coa xestión cultural e coas industrias culturais.

Alén desta demanda, a tamén coordinadora do grupo de investigación Atalaia da USC, María Dolores Fernández Tilve, fixo unha chamada a prol da defensa da cultura como un servizo público que repercute na mellora do grao de benestar das persoas, ao tempo que contribúe a defensa dos valores democráticos. Coñecedora de que a cultura garante tamén a conexión das persoas coa súa memoria no tempo e reforza as ligazóns co territorio, a coordinadora do libro ‘La gestión cultural en la era digital’ fixo súas as demandas que reclaman máis financiamento público para o mantemento dunha oferta cultural que satisfaga as novas necesidades sociais.

Ampla representación  

A presentación deste novo manual sobre xestión cultural na era dixital congregou este mércores na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC una ampla representación institucional. Así, ademais do conselleiro Román Rodríguez, tamén asistiron á sesión a vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Elena Candia; o director Xeral de Industrias Culturais, Anxo Lorenzo; a deputada provincial Ana González Abelleira; varios concelleiros do Concello de Lugo; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; a delegada de Cultura na provincia de Lugo, María José Gómez. Representantes da Asociación Galega de Industrias Culturais, do Arquivo Histórico Provincial de Lugo e da Rede Museística Provincial, ademais, entre outros, de decanos e directores de centros universitarios do Campus de Lugo tamén asistiron á sesión.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.07.2022.