Pasar al contenido principal

Resoltos os XIII Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero

Esta é unha acción consolidada dentro das políticas de promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes. FOTO: Santi Alvite
Esta é unha acción consolidada dentro das políticas de promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes. FOTO: Santi Alvite
O xurado destacou a alta participación que chegou a duplicarse na modalidade de investigación coa concorrencia dunha vintena de proxectos
Lugo, Santiago de Compostela

O xurado dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na USC acaba de resolver a que xa é a súa décimo terceira convocatoria amosando “a súa satisfacción polo crecemento exponencial de candidaturas presentadas aos premios, sobre todo no seu apartado de investigación”, ámbito no que se duplicou o número de proxectos. As profesoras Ana María Porto Castro, Elena Freire Paz, Julia González Álvarez, Elena Vázquez Abal e Marta Pérez Pereiro acordaron por unanimidade recoñecer co primeiro premio, na modalidade de docencia, o proxecto ‘Perspectiva de xénero e sistema de (in)xustiza penal: unha ollada crítica a través do caso Wannikhof’ de Cristina Alonso Salgado. No apartado de investigación o premio recaeu en Beatriz Busto Miramontes por ‘O inicio da (re)presentación feminina no folclore galego: Pandereteiras de Mens’.   

No eido da docencia, no que se presentaron catro candidaturas, o xurado destacou a importancia de que concorran propostas en áreas do coñecemento como a robótica “nas que a perspectiva de xénero ten unha implantación máis recente e nas que hai aínda un camiño longo por percorrer”. O segundo premio nesta modalidade foi para a profesora Rocío García Pedreira pola súa experiencia ‘Medidas e actividades para a inclusión da perspectiva de xénero na docencia de materias de literatura do Grao en Educación Infantil (2021/2022); mentres que o terceiro galardón distinguiu o traballo ‘Tecnoloxía educativa con lentes violetas’ de Uxía Fernández Regueira, Adriana Gewerc e Ángela González-Villa.

Ademais, o xurado animou a que o profesorado da USC desenvolva actividades docentes nas que se inclúa a perspectiva de xénero “mesmo en experiencias piloto, para ir mellorando este aspecto na oferta docente da Universidade”. Algúns dos estudos, en concreto de Psicoloxía, Filoloxía e Lingüística, Medicina, Educación e Pedagoxía, Historia da Arte, Ciencias da Computación, Historia, Física, Filosofía, Socioloxía, Economía e Ciencia Política e Dereito e Criminoloxía teñen unha guía para unha docencia universitaria con perspectiva de xénero en galego para axudar ao deseño dun currículo académico que introduza esta perspectiva. Pode accederse ás guías nesta ligazón.   

Éxito de participación

As propostas no eido da investigación caracterizáronse nesta edición por duplicar a participación de anos anteriores. Presentáronse 18 traballos de áreas moi distintas, aínda que a maioría forman parte de diversos campos de estudo das Ciencias Sociais. A meirande parte das investigacións candidatas presentaban unha publicación en revistas científicas de alto impacto, pero tamén en formato libro de divulgación ou informes para institucións. “A cantidade e calidade dos traballos demostra un interese crecente pola aplicación da perspectiva de xénero nos temas de investigación, nas metodoloxías e na aplicación dos resultados”, sinala o xurado.

O segundo premio desta modalidade foi outorgado ao traballo ‘Científicas fronte ao coronavirus en Wikipedia’ de Encina Calvo Iglesias; mentres que o terceiro concedeuse ás profesoras Alba Alonso Álvarez e Julia Espinosa Fajardo por ‘Blitzkrieg against democracy: gender equality and the rise of populist radical right in Spain’.

Dada a cantidade de propostas recibidas, o xurado decidiu facer dúas mencións especiais, sen dotación económica, aos traballos do equipo de Emilia Vázquez Rozas, pola súa investigación ‘Estudo sobre senfogarismo feminino e violencia de xénero en Galicia’ e a ‘Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán’ de María López Sández e Marilar Aleixandre.

Acción consolidada

Esta é unha acción consolidada dentro das políticas de promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes a través do potencial da incorporación da perspectiva de xénero en dúas das principais facetas da actividade universitaria en materia de xeración e difusión de coñecemento, a docencia e a investigación.

A convocatoria foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ de entre máis de medio centenar de toda a Unión Europea. Esta práctica está incluída na ferramenta en liña GEAR tool que serve de apoio a organizacións investigadoras como as universidades para a creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.07.2022.