Pasar al contenido principal

Aberta a inscrición nos cursos de idiomas do CLM para o primeiro semestre do ano académico 2022-2023

Sesión de docencia presencial no CLM. FOTO: Santi Alvite
Sesión de docencia presencial no CLM. FOTO: Santi Alvite
Todas aquelas persoas que xa coñecen o idioma pero non teñan un nivel asignado polo CLM ao non ter superado un curso o ano anterior deberán realizar un test clasificatorio de nivel e inscribirse nel previamente
Lugo, Santiago de Compostela

A USC convoca para o primeiro semestre do ano académico 2022-2023 os cursos do Centro de Linguas Modernas (CLM) nos campus de Santiago e Lugo como servizo de apoio complementario á educación universitaria. Todas as persoas que desexen mellorar ou aprender algunha das linguas ofertadas terán a ocasión de inscribirse dende este venres 15 de xullo ata o inicio dos cursos. Ademais, tamén está aberta a convocatoria de español como lingua estranxeira que pode consultarse nesta ligazón.

No primeiro semestre, impartiranse no CLM do campus de Santiago cursos regulares anuais de inglés, cursos anuais semi-presenciais de inglés; cursos regulares semestrais de alemán, catalán, francés, galego para non galegofalantes, italiano e portugués; cursos específicos do primeiro semestre de preparación para os exames ‘Certificats B i C de Català’ do Institut Ramon Llull (IRL), así como inglés–curso semi-intensivo semestral A2, inglés–curso semi-intensivo semestral B2.1, inglés–curso semi-intensivo semestral B2, inglés–curso semi-intensivo semestral C1; e o seminario de checo para o contexto universitario (presencial / en liña).

No campus de Lugo, ofértanse cursos regulares semestrais de alemán, francés e inglés; así como cursos específicos do primeiro semestre en inglés–curso semi-intensivo semestral B2.1, inglés–curso semi-intensivo semestral C1.1, inglés ‘Speaking and listening skills’, e galego para non galegofalantes en liña.

Test de nivel

Todas aquelas persoas que xa coñecen o idioma pero non teñan un nivel asignado polo CLM ao non ter superado un curso o ano anterior deberán realizar un test clasificatorio de nivel e inscribirse nel previamente.  Segundo o idioma, a realización do test poderá ser presencial ou en liña.  No caso de existir dúas ou máis datas para o test clasificatorio de nivel presencial dunha mesma lingua, recoméndase acudir ao primeiro porque as prazas nos cursos cubriranse por rigorosa orde de matrícula.

O test de nivel en liña pode facerse durante o período da matrícula segundo o acordo co profesorado. As candidatas e os candidatos recibirán unha ligazón do test en liña por correo electrónico despois de realizar a inscrición e avisar a través do correo electrónico indicado na plataforma. A inscrición no test clasificatorio de nivel presencial / en liña farase por Internet dende a secretaría virtual da USC á que se pode acceder dende a páxina web do CLM.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.07.2022.