Pasar al contenido principal

XI Xornadas de Xeomorfoloxía Litoral

Do 27 ao 29 de xullo de 2022

Santiago de Compostela

A Facultade de Xeografía e Historia acollerá este encontro organizado pola área de Xeografía Física da Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo

Facultade de Xeografía e Historia. Foto: Santi Alvite
Facultade de Xeografía e Historia. Foto: Santi Alvite

Do 27 ao 29 de xullo, a undécima edición das Xornadas de Xeomorfoloxía Litoral achegará a Compostela os novos achados e ferramentas cara ao estudo científico da costa, así como as investigacións arredor da súa evolución nun contexto de cambio global e subida do nivel do mar.  Organizada pola área de Xeografía Física da Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, a undécima edición das xornadas contará coa presentación de máis de 60 comunicacións de alto nivel científico, chegadas de 29 universidades e centros de investigación tanto españois como internacionais. 

Ademais das sesións que se desenvolverán na Facultade de Xeografía e Historia da USC, estas xornadas contarán con visitas á Illa de Arousa o xoves 28, co Illote Areoso e O Carreirón como focos de atención, e ofrecerá o día 29 un percorrido pola costa de Muros, Carnota e Dumbría. Nas diferentes paradas, as persoas asistentes poderán descubrir a costa galega e as súas particularidades, ademais de coñecer da man das autoridades locais dos Concellos da Illa de Arousa, Muros, Carnota e Dumbría a difícil xestión destes espazos naturais.

Coa nova edición, estas xornadas de carácter bianual que comezaron andadura en Cádiz no ano 2000, volven a Galicia e retoman a súa actividade tralo paro obrigado motivado pola pandemia. 

Toda a información sobre o evento, o programa e participantes pode ser consultada na súa páxina web oficial.

Cartel das XI Xornadas de Xomorfoloxía Litoral
Cartel das XI Xornadas de Xomorfoloxía Litoral
Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.07.2022.