Aberto o prazo de solicitude de axudas a proxectos colaborativos entre grupos de investigación do Campus Terra

A USC impulsa a colaboración entre os distintos grupos de investigación do Campus Terra coa convocatoria dunha liña de axudas por un importe global de 180.000 euros, que serán financiados ao abeiro do convenio asinado coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia polo que se regula o campus de especialización Campus Terra.
O obxecto da convocatoria pasa por favorecer a realización de estudos conxuntos que promovan a cooperación entre grupos da mesma ou de diferentes áreas científicas, así como o desenvolvemento de novas liñas e capacidades colaborativas, segundo se recolle na resolución reitoral publicada no taboleiro de anuncios da USC. O citado documento indica que as nova actuacións proxectadas poderán ser apoiadas ou reforzadas coa participación de empresas ou outros centros de investigación. O importe total do orzamento habilitado a través desta liña de axudas irá destinado á financiar 10 proxectos. Cada unha das iniciativas aprobadas percibirá un total de 18.000 euros, repartidos en dúas anualidades (8.000 o primeiro ano 10.000, o segundo). O período de execución dos proxectos será de 18 meses a partir da resolución da súa concesión.
Os proxectos susceptibles de recibir financiamento a través desta nova liña de axudas poderán estar vinculados a calquera das grandes áreas de coñecemento sempre e cando a investigación se relacione con algún dos 7 eixos de especialización do Campus Terra: Produción vexetal e agricultura sostible, Produción e saúde animal sostibles, Alimentación segura e saudable, Xestión forestal sostible, Novas tecnoloxías: TICs, ómicas..., Cambio climático ou Biodiversidade e infraestruturas verdes.
Prazos e presentación de solicitudes
As solicitudes presentadas deberán contar como mínimo coa participación de persoal investigador de dous grupos do Campus Terra que figuren no Catálogo de Investigadores e Grupos de Investigación da USC, e cando menos un deles non deberá ter vixente ningunha modalidade das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas para as universidades do SUG. Tamén poderán participar como integrantes dos proxectos, investigadoras e investigadores pertencentes a grupos adscritos ao Campus de Santiago sempre que as e os PDIs participantes teñan vinculación pola súa docencia co Campus Terra.
As candidaturas, presentadas en formato PDF, deberán remitirse á Área de Xestión de Investigación a través da sede electrónica da USC ata as 23.59 horas do 7 de setembro de 2022. As solicitudes excluídas disporán dun prazo de tres días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución, para poder emendar ou acompañar os documentos que motivaron a súa exclusión da citada convocatoria.
A comisión avaliadora responsable da selección dos proxectos colaborativos obxecto de financiamento empregará como criterios da súa resolución a calidade e a viabilidade das propostas, así como a súa metodoloxía científica e o deseño experimental; o aliñamento dos proxectos cos restos específicos do Campus Terra; a participación e implicación de empresas ou centros de investigación, e o retorno que repercutirá a execución das tarefas proxectadas en relación cos obxectivos do Campus Terra da USC.
A resolución de concesión ou denegación definitiva adoptarase no prazo máximo dun mes contado desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes, e comunicarase mediante a súa publicación na web da Vicerreitoría de Política Científica da USC.