Pasar al contenido principal

A USC recoñece no Día da Muller o traballo do Instituto de Ciencias da Educación en prol da igualdade

Ana María Porto, directora do ICE, recolleu a mención honorífica. Foto: Servimav
Ana María Porto, directora do ICE, recolleu a mención honorífica. Foto: Servimav
Celebrou este mércores o acto institucional do Día Internacional da Muller

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolleu este mércores o acto institucional de conmemoración do Día Internacional das Mulleres na Universidade de Santiago de Compostela, no que se fixo recoñecemento expreso ao Instituto de Ciencias da Educación (ICE) pola súa traxectoria en prol da igualdade de xénero.

A profesora Ana María Porto foi a encargada de recoller, de mans do reitor Juan Viaño, a mención honorífica ao instituto polo traballo de investigación e formación desenvolvido ao longo destes anos (creouse en 1969) mostrando o poder da educación como ferramenta de deconstrución dos estereotipos de xénero e de superación das causas que fomentan a dominación masculina e o exercicio da violencia contra as mulleres.

Porto, que lembrou que o ICE que dirixe é único no contexto galego, afirmou recoller a mención honorífica “con gran satisfacción” como o recoñecemento que supón, pero tamén “coa gran responsabilidade e compromiso” do persoal do instituto de seguir xerando coñecemento sobre a cuestión de xénero.

O reitor comezou a súa intervención coa lectura dun editorial de 1897 na revista La Farmacia Moderna que cuestionaba a autorización da por aquel entón Dirección General de la Instrucción Pública a que Manuela Barreiro cursase estudos de Farmacia na Universidade de Santiago. “Esta referencia achéganos ao contexto social, que rexeitaba a presenza das mulleres na universidade, no que pouco a pouco un grupo de pioneiras foron abríndose camiño nas nosas aulas”, asegurou Viaño.

“É o momento de facer balance, ao que tamén nos convida a convocatoria para o día de mañá, 8 de marzo, da Folga Internacional Feminista, lembrándonos a fraxilidade dos logros acadados e a vixencia das reivindicacións feministas”, dixo, á vez que lembrou “o noso papel fundamental de entidade educativa na transmisión, sensibilización e formación en igualdade de xénero para avanzar nunha auténtica transformación social”.

Ademais do reitor e a profesora Porto, no acto interviñeron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Santiago, Marta Lois González, que aproveitou para ler un poema da escritora compostelá Xohana Torres.

A vicerreitora Álvarez salientou o papel das universidades, “que estamos chamadas a exercer un papel fundamental na tarefa de localizar, analizar e erradicar as raíces da desigualdade”. De aí, matizou, que “hai máis dunha década fósemos unha das universidades pioneiras en crear a Oficina de Igualdade de Xénero e a primeira en elaborar un plan de Igualdade no SUG, en 2009”.

Plan estratéxico da USC Os últimos resultados da análise dos indicadores de seguimento das accións do II Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC, desenvolvida pola Oficina de Igualdade de Xénero, arroxan o dato dun 80% (38,67% de forma parcial) no grao de cumprimento.

Cabe salientar a consolidación de accións como a convocatoria dos Premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e a investigación na USC, iniciativa seleccionada en 2015 dentro do proxecto do European Institute for Gender Equality de identificación de boas prácticas de entre máis de 50 de toda a Unión Europea e sendo a única sinalada en España.

Así mesmo, destaca a posta en marcha do Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero, de aplicación a toda a comunidade universitaria e aprobado en Consello de Goberno en xullo de 2016.

Mais xunto a estas accións positivas, o reitor subliñou a necesidade de “avanzar en cuestións como a diminución de segregación por xénero na escolla de titulacións e na traxectoria académica, así como no fomento dunha cambio cultural cara a corresponsabilidade”.

O acto celebrouse no Salón Nobre de Fonseca. Foto: Servimav De dereita a esquerda, Carme Silva, Dolores Álvarez, Juan Viaño, Marta Lois e Isabel Rodríguez-Moldes. Foto: Servimav

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.03.2018.