Pasar al contenido principal

XIV Xornadas de Formación e VI Xornadas Internacionais Educación, Xénero e Igualdade

'A Des-Educación: Pornografía e Violencias Sexuais'

08.09.2022 | 09.30h-21.00h

Santiago de Compostela
Salón de Actos

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) organiza estas xornadas ao abeiro do convenio en materia de igualdade entre a USC e o Concello de Santiago

O CIFEX da USC promove unhas xornadas sobre o papel da educación en xénero fronte á pornografía e ás violencias sexuais
O CIFEX da USC promove unhas xornadas sobre o papel da educación en xénero fronte á pornografía e ás violencias sexuais

A problemática da violencia contra as mulleres que se exerce en función da súa condición de xénero tamén está vinculada ao consumo e uso pornográfico, ligado a súa vez ao uso das tecnoloxías e novas tecnoloxías da información e comunicación.  Con esa certeza e baixo o título 'A Des-Educación: Pornografía e Violencias Sexuais', as XIV Xornadas de Formación e VI Xornadas Internacionais Educación, Xénero e Igualdade pretenden promover a concienciación respecto desta situación para  incidir nun cambio de actitudes favorables cara a un modelo de convivencia igualitaria e dunhas relacións interxénero equitativas e democráticas.

Organizadas polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC ao abeiro do convenio en materia de igualdade co Concello de Santiago, as xornadas desenvolveranse o 8 de setembro no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur), e a súa inauguración contará coa presenza de Marta Pérez Pereiro, delegada do reitor da USC para a Igualdade; Mercedes Rosón, concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade de Santiago de Compostela; Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Ciencias da Educación; Teresa Moure, directora do CIFEX; e Rita Mª Radl Philipp, directora da actividade. 

Esta nova edición das xornadas abrirá cunha conferencia de María Lameiras Fernández, catedrática do Departamento de Análise e Intervención Socioeducativa da UVigo, arredor da pornografía e a erotización da violencia. A seguir, unha mesa de debate con Víctor Hugo Pérez Gallo (Universidade de Oriente, Cuba), Teresa Facal Fondo (USC) e Ramón Torrente (Andamiaxe Innova) afondará nos usos pornográficos en redes sociais e novos medios tecnolóxicos.  Unha segunda mesa de deabte arredor dos desafíos para a educación e a información que supoñen as violencias sexuais, o consumo prostitucional e a pornografía reunirá á Águeda Gómez Santos (coordinadora da Unidade de Igualdade da Uvigo), Lorena Añón (USC) e Felicia Estévez Salazar (Aministía Internacional). Finalmente, as xornadas pecharán co obradoiro de investigación 'Industrias pornográficas, novas tecnoloxías e igualdade' da man de María Curros Espiño, Carolina Morales Morales e Pablo Soto Casás, mestradas en Igualdade, Xénero e Educación da USC. 

Estas xornadas procuran contribuír a que as que serán futuras profesionais vinculadas á formación e educación humana nun sentido amplo, procedentes de todas as disciplinas científicas, incorporen estes contidos na súa bagaxe científica-académica-práctica. Preténdese ofrecer unha preparación específica e científica, en canto ao particular da pornografía e as violencias sexuais que tamén teñen que ver coas nosas accións sociais e persoais. Están enfocadas de cara a unha formación específica e científica na temática mediante a realización de diferentes actividades que requiren, á vez que permiten, unha participación activa das persoas asistentes, sobre todo de profesionais e persoas especialistas e egresadas e egresados e do estudantado da USC, mais tamén da cidadanía de Compostela, así como de entidades que traballan a prol das mulleres e persoas interesadas na temática do ámbito comunitario social e político do contexto autonómico, estatal e internacional.

A asistencia ten carácter gratuíto e as persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata o 7 de setembro enviando por correo electrónico o boletín anexo ao equipo organizador. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.09.2022.