O proxecto Nanoeaters presentará no CiTIUS o sensor Eyepress para a medida da presión intraocular

No transcurso dunha xornada no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS), o próximo venres 23 celebrarase unha xornada do proxecto Nanoeaters na que se presentará Eyepress, un sensor autónomo e implantable para a medida da presión intraocular que está sendo desenvolvido por investigadores do CiTIUS e do Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL). Na presentación, ademais do persoal investigador intervirán representantes da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
O proxecto Nanoeaters, financiado a través da convocatoria europea Interreg España-Portugal POCTEP, busca desenvolver un dispositivo implantable autónomo que permita unha monitorización constante da presión intraocular para mellora a prevención, o control e o tratamento da enfermidade do glaucoma. A investigación inclúe o deseño e a proba e varios chips de captación de enerxía luminosa en tecnoloxías CMOS estándar, así como sensores e presión en sistemas microelectromecánicos (tecnoloxía MEMS).
O programa do encontro do vindeiro venres principiará coa benvida oficial que ofrecerán ás 10.00 horas o director do CiTIUS, Paulo Félix Lamas, e a directora da área de Centros da GAIN, María José Mariño. Deseguido, Margarita Ardao, xestora de proxectos de GAIN, referirase á transferencia e valorización de nanotecnoloxías a PEMEs innovadoras (early adopters) da Eurorrexión Galicia-Portugal. Completando a xornada Victor Manuel Brea, do CiTIUS, e Paulo Freitas, do INL, presentarán un caso de uso do sistema de presión intraocular e sensores de presión a sistemas de recolección de enerxía ambiental, así como demostradores de recolección de enerxía e sistemas de medidas de presión.
A inscrición realizarase mediante o envío dun correo electrónico á dirección citius.kmt [at] usc.es (citius[dot]kmt[at]usc[dot]es).