O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e o grupo de investigación COGRADE colaboran na organización deste encontro científico.

Do 5 ao 7 de setembro de 2022 celébranse en Santiago de Compostela as Xornadas da Sociedade de Enxeñería de Software e Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software (SISTEDES), unha asociación sen ánimo de lucro, creada en 2005 co principal obxectivo de contribuír ao desenvolvemento científico e tecnolóxico do país na área da Enxeñería do Software e as Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software, así como de promover a investigación, a innovación e a transferencia de tecnoloxía entre a academia e a empresa para o avance destas disciplinas.
O acto inaugural terá lugar o luns 5 de setembro ás 11.00 horas no Hotel OCA-Puerta del Camino e contará coas intervencións do reitor da USC, Antonio López Díaz; do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente de SISTEDES e catedrático da Universidade de Seviila, Antonio Ruiz Cortés; a directora xeral de estratexia de Plexus Tech, Silvia Fraga; e o co-presidente do comité organizador do congreso e director do grupo COGRADE da USC, José M. Cotos Yáñez.
SISTEDES organiza cada ano unhas xornadas científicas con conferencias sobre Enxeñería do Software e Bases de Datos (JISBD), Ciencia e Enxeñaría de Servizos (JCIS) e Programación e Linguaxes (PROLE). O encontro vense realizando de maneira ininterrompida con este formato desde o ano 2001 e constitúe un importante foro, referente a nivel estatal de toda a comunidade española que traballa nas áreas de Enxeñería do Software e as Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software.
A edición de 2022 reunirá máis de 200 investigadoras/es dos grupos de investigación máis potentes das universidades españolas en formato presencial, e arredor de 50 en formato online. O comité organizado estará formado polos investigadores do CiTIUS José M. Cotos Yañez, José R. Ríos Viqueira, Manuel Lama Penín e José A. Taboada González, apoiados polo persoal de apoio do centro e integrantes do grupo de investigación COGRADE.