Pasar al contenido principal

A ‘Agrobiodiversity Summer School’ inicia actividade na sede do CISPAC

A agrobiodiversidade inclúe a diversidade de cultivos e especies e variedades gandeiras, a diversidade de sistemas de produción e abastecemento de alimentos, así como as diferentes prácticas e intensidades agrícolas e a biodiversidade que apoia indirectamente a agricultura mediante a provisión de servizos ecosistémicos
A agrobiodiversidade inclúe a diversidade de cultivos e especies e variedades gandeiras, a diversidade de sistemas de produción e abastecemento de alimentos, así como as diferentes prácticas e intensidades agrícolas e a biodiversidade que apoia indirectamente a agricultura mediante a provisión de servizos ecosistémicos
Esta escola internacional de verán, na que a USC colabora con institucións e grupos de investigación da contorna europea, comeza o 1 de setembro
Santiago de Compostela

A ‘Agrobiodiversity Summer School’, unha iniciativa na que toma parte a USC a través do grupo de investigación Histagra, en colaboración co ZHAW Geography of Food, o Swiss Research Institute of Organic Agriculture (FiBL), institutos de investigación de Eslovenia e Hungría e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), bota a andar o xoves 1 de setembro.

Esta Escola Internacional de Verán busca fornecer diferentes perspectivas ao redor da agrobiodiversidade e da súa contribución á sustentabilidade e á resiliencia dos sistemas alimentarios. Da man de referentes internacionais deste ámbito académico e de especialistas da produción agroecóloga, as persoas participantes no curso terán a oportunidade de investigar en profundidade os retos e desafíos dos sistemas de produción locais existentes e as conexións entre a cadea alimentaria e a agrobiodiversidade.

Dirixida principalmente a estudantado de programas de mestrado relacionados coas ciencias agrarias, medio ambiente, tecnoloxías de alimentos, desenvolvemento rural, ou de avaliación da sustentabilidade, conta con 27 estudantes procedentes de España, Suíza, Alemaña, Francia, Eslovenia, Hungría, Austria, Portugal, Italia, Brasil e India.

Logo dunha fase preparatoria desenvolvida entres os meses de abril e agosto, a ‘Agrobiodiversity Summer School’ inicia agora unha segunda fase de estudo presencial que combina as sesións académicas, impartidas na sede do CISPAC e na Escola de Capacitación Agraria Pedro Murias de Ribadeo, con saídas a centros de produción e explotacións de Laíño (Dodro), Montes de Baroña (Porto do Son), Arquixal (Palas de Rei), El Cabillón ( Tapia de Casariego), As Fadegas (Ribadeo), Ostras del Eo (Castropol) e Fabas de Lourenzá (Lourenzá), que se estende ata o 10 de setembro.

Entre o persoal docente co que conta a escola están Lourenzo Fernández Prieto e David Soto Fernández, ambos da USC, Manuel Gonzalez de Molina e Gloria Guzmán, da Universidade de Pablo de Olavide, e Bernadette Oehen e Grüter Roman, do Swiss Research Institute of Organic Agriculture (FiBL)- A relación de docentes complétase coas e cos profesionais da labranza agroecolóxica das iniciativas participantes.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.09.2022.