A USC tomará parte nun proxecto científico internacional cara á construción dun telescopio de neutrinos xigante en Xapón

A USC será unha das institucións participantes no proxecto internacional cara á construción do detector Hyper-Kamiokande. Así se recolle nu memorando de entendimento subscrito no mes de agosto polo Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España, a Organización de Investigación de Aceleradores de Alta Enerxía (KEK) de Xapón e a Universidade de Tokio (UTokyo) co obxectivo de promover o desenvolvemento deste telescopio internacional de neutrinos.
Canda Xapón, líder do proxecto, son dezanove os países involucrados nesta iniciativa que comezará a operar no país nipón en 2027 e cuxo obxectivo é demostrar a teoría asociada a unha propiedade esencial dos neutrinos que explicaría o desequilibrio entre a produción de materia e antimateria no inicio do Universo. Este proxecto liderará, durante as próximas dúas décadas a exploración dos procesos termonucleares que dan lugar á enerxía do Sol e a dos procesos previos ao colapso de estrelas que xeran as supernovas.
O detector Hyper-Kamiokande terá previsiblemente unha masa oito veces maior que o seu predecesor, o Super-Kamiokande, e estará equipado con fotosensores de alta sensibilidade recentemente desenvolvidos. O orzamento da construción foi aprobado no Parlamento de Xapón en febreiro de 2020, e esta iniciouse en maio de 2021 coa escavación do túnel de acceso ao espazo experimental.
Segundo o acordo, outras oito institucións conforman canda a USC o Consorcio Hyper-Kamiokande español: o Centro de Astropartículas e Física de Altas Enerxías (CAPA) da Universidade de Zaragoza, o Centro Internacional de Física de Donostia (DIPC), o Instituto de Física de Altas Enerxías (IFAE) o Laboratorio Subterráneo de Canfranc (LSC), a Universidade Autónoma de Madrid (UAM), a Universidade de Xirona (UdG), Universidade de Oviedo (UO) e a Universidade Politécnica de Valencia (UPV) . Está previsto que estas institucións contribúan a través do desenvolvemento, produción e instalación das cubertas de protección do foto-sensor, o sistema de ventilación, o sistema de compensación xeomagnética, módulos de circuítos electrónicos, fontes de radiación para calibración e diferentes elementos do detector próximo.
Unha parte da contribución española ao proxecto HKK será financiada con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), como unha das actuacións da liña de fortalecemento das capacidades, infraestruturas e equipamentos dos axentes do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación a través da promoción de novas actuacións en grandes infraestruturas de investigación europeas e internacionais.
