Persoal investigador da USC descobre a ermeloíta, un mineral inédito no mundo
Persoal técnico de investigación da Área de Infraestruturas de Investigación da USC acaba de identificar no Monte Ermelo, no concello de Moaña, un novo mineral. Trátase da ermeloíta, recollida en campo por José Carlos Rodríguez Vázquez, Moisés Núñez e Manuel Cerviño. As primeiras análises de difracción de raios X de policristal e monocristal, realizadas polos técnicos da Unidade de Raios X, Inés Fernández Cereijo e Guillermo Zaragoza Vérez, revelaron que este mineral non se atopaba rexistrado en ningunha base de datos internacional, tratándose, polo tanto, dun achado a nivel mundial.
“En Galicia, descubríronse, ao longo da historia, tres minerais”, sinala Óscar Lantes Suárez, responsable da Unidade de Arqueometría e Caracterización de Materiais da USC. “Trátase da morenosita, a cervantita e a bolivarita, todos eles achados na metade do século XIX”, engade. A ermeloíta pasa a ser o cuarto mineral descuberto en Galicia e xa está oficialmente recoñecido pola International Mineralogical Association (IMA) como nova especie, sendo a súa localidade tipo o Monte Ermelo e o exemplar tipo o analizado dende a USC.
Tras o achado e baixo a sospeita de que se tratase dun novo mineral, o equipo completou as análises con técnicas calorimétricas, espectrometría de fluorescencia de raios X, espectroscopía Raman, ou análise Rietveld, entre outras; alén de realizar unha análise complementaria de elementos químicos (EPMA) en colaboración cos investigadores José González del Tánago e Ramón Jiménez Martínez da Universidade Complutense de Madrid e do Centro Nacional Instituto Geológico y Minero de España -CSIC, respectivamente.
“Este descubrimento ten repercusións históricas por ser tan poucos os minerais que se descubriron dende Galicia e reforza a importancia que teñen as investigacións sistemáticas realizadas no eido da mineraloxía, en especial no contexto xeopolítico actual no que a necesidade de materias primas estratéxicas é crítica”, continúa Lantes Suárez. “Cientificamente, a aparición deste novo mineral supón incrementar a listaxe de minerais descubertos nun contexto planetario e axudará a entender mellor as paraxéneses de minerais pegmatíticos secundarios e as súas condicións de formación”, matiza.
O fragmento atopado é pequeno, polo que resulta complicado inferir posibles aplicacións industriais ou tecnolóxicas, se ben non se descarta que a partir deste descubrimento sexa posible identificar esta especie mineral en ambientes similares noutras formacións xeolóxicas no mundo.
A aparencia do mineral é masiva, microgranular e de ton case branco. Por estas características pasa desapercibido dentro dos corpos pegmatíticos e é facilmente confundible a nivel macroscópico con plaxioclasas ou outros minerais de cores claras. A ermeloíta é un fosfato de aluminio monohidrato, do grupo da Kieserita e que cristaliza como monoclínico C2/c.
Exposición en Fonseca
A área de Infraestruturas de Investigación e o Museo de Historia Natural (MHN) da USC desenvolven investigación mineralóxica desde hai máis de 20 anos estudando as propias coleccións do MHN e a colección científica de minerais da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT). Parte deste traballo, culmina coa aparición do novo mineral. De feito, este ano, solicitouse ao Consello Social da institución compostelá un proxecto para divulgar ciencia mineralóxica baixo o lema ‘Minerais – ver o invisible’, coordinado por Oscar Lantes Suárez e Marcos Andrés González, director do MHN. 2022 constitúe o Ano Mineralóxico Internacional dedicado a René Haüy, pai da Mineraloxía e a Cristalografía, e o propio Museo conserva a colección orixinal de modelos cristalográficos elaborados por Haüy.
A concesión deste proxecto permitirá realizar entre 2022 e 2023 diferentes obradoiros, charlas, ou visitas de campo. Proximamente comezarán os Obradoiros Mineralóxicos organizados ao abeiro deste proxecto e que terán lugar no Museo de Historia Natural en diferentes sábados pola mañá ao longo dos anos 2022 e 2023. O primeiro obradoiro será ‘As propiedades dos minerais’, impartido polo xeólogo Francisco Canosa.
Ademais, o exemplar tipo da ermeloíta será exposto no verán de 2023, dentro dunha exposición mineralóxica que se levará a cabo no Colexio de Fonseca e, posteriormente, será depositado de forma permanente no Museo de Historia Natural (MHN) da USC, organismo responsable da súa custodia. Na actualizade, dende a Área de Infraestruturas de Investigación e o MHN continúase investigando sobre minerais singulares e especies pouco frecuentes.