Constituído o grupo de traballo de estratexia enerxética da USC

Un grupo de traballo en materia de estratexia enerxética coordinará a toma de decisións neste eido para acadar unha maior optimización dos recursos. O grupo busca unha tripla acción: acometer o impacto económico dos custos enerxéticos, mellorar a xestión en termos medioambientais, ao tempo que avanzar na conciliación familiar grazas a unha mellor xestión do tempo. Deste xeito, atópase presidido polo xerente Javier Ferreira, e integrado polo Vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación (Gumersindo Feijoo Costa), pola Vicexerenta Xeral Técnica (Pilar Martínez García), pola Delegada do Reitor para Igualdade (Marta Pérez Pereiro), pola Directora da Área Académica (Marta Otero Crespo), polo Director da Área de Infraestruturas (Xosé Antonio Rubal López), polo Decano da Facultade de Filoloxía (Elias Feijoo Torres), o Decano da Facultade de Veterinaria (Gonzalo Fernández Rodríguez) e Decana da Facultade de Óptica e Optometría (María Jesús Giráldez Fernández); pola Directora Adxunta do CIQUS (Dolores Pérez Meirás), polo Director da Área de Infraestruturas de Investigación (José Antonio Costoya Puente), polo Director da Área de Operación de Infraestruturas (Ángel Carrillo Presedo), pola Directora da Biblioteca da USC (Mabela Casal Reyes), pola Xefa do Servizo de Axudas e Servizos ao Alumnado (Carmen Ríos López) polos Coordinadores Javier Rodríguez Núñez e Carlos Casado Martins, e polo Coordinador do Máster Universitario en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sustentable, asesor do grupo (José Antonio Rodríguez Añón). Todos eles participan como responsables dos diferentes tipos de infraestruturas cos que conta a institución. Na sesión de constitución debatéronse medidas que se clasificaron en diferentes bloques e que, previsiblemente, serán referendadas de xeito efectivo nas próximas semanas.
De forma inmediata adoptaranse medidas sobre medición de temperatura, análise e control de aparatos de climatización e calefacción, así como a mellora da eficiencia enerxética con investimentos xa previstos por valor dun millón de euros destinados a autoconsumo mediante a instalación de paneis fotovoltaicos. Ademais, a medio prazo, realizarase un estudo de intensidade de usos e ocupación dos edificios para adoptar medidas de racionalización sobre os horarios de apertura e peche, reorganizando o uso de espazos e tendo en conta as medidas de teletraballo implantadas pola Universidade. Finalmente, a longo prazo, abordarase a licitación dun contrato de servizos enerxéticos que permitirá implantar medidas de aforro. O obxecto deste conxunto de iniciativas é xerar aforro e, en todo caso, non incrementar o gasto.
A Universidade está adherida á Rede de Enerxía da Xunta de Galicia (Redexga) que realiza unha compra centralizada de enerxía, polo que os prezos das subministracións de gas natural, gasóleo para calefacción e electricidade dependen do contrato centralizado que Redexga mantén con diferentes provedores. Neste senso, a USC xa realizou para este exercicio económico, por indicación da Rede, un reaxuste do orzamento destinado a consumo enerxético ao elevalo en 1,5 millóns de euros, que se suman aos 4,9 millóns previstos inicialmente nos orzamentos para este ano. A previsión de cara ao ano 2023 é que o custo do consumo enerxético se incremente noutros 4,6 millóns de euros.
Con esta medida a USC afonda no disposto polo Real decreto lei 14/2022, do 1 de agosto, de medidas de sustentabilidade económica no ámbito do transporte, en materia de bolsas e axudas ao estudo, así como de medidas de aforro, eficiencia enerxética e de redución da dependencia enerxética do gas natural. Ademais, a experiencia de xestión durante a crise sanitaria polo SARS-CoV-2 revelou que a constitución de grupos de traballo e comités facilita o debate, consenso e toma de decisións de forma áxil, polo que se considerou necesaria a constitución dun grupo de traballo de Estratexia Enerxética na Universidade de Santiago de Compostela.