Pasar al contenido principal

‘#BenVidaUSC!’ presenta dende este martes a oferta lúdica e de servizos da Universidade

As actividades desenvolveranse en Lugo e en Santiago. FOTO: Santi Alvite
As actividades desenvolveranse en Lugo e en Santiago. FOTO: Santi Alvite
Na tarde do xoves 15, desenvolverase unha MasterClass de elementos ximnásticos que contará coa participación de Melania Rodríguez Muñoz, campioa dos World Games 2022 en dobre mini-tramp
Lugo, Santiago de Compostela

A USC dá a benvida ao alumnado universitario cun amplo programa de actividades culturais, deportivas, concertos, obradoiros, roteiros fotográficos e visitas guiadas que se desenvolverán do 13 ao 15 de setembro nas cidades de Lugo e Santiago ao abeiro das xornadas de inicio de curso ‘#BenVidaUSC!’, unha iniciativa a través da que se pretende informar da ampla oferta lúdica e de servizos que ten ao seu dispor o alumnado que está a cursar estudos universitarios nos campus de Lugo e de Compostela.

‘#BenVidaUSC!’ Santiago

O martes 13, ás 13.00 horas, o Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía acollerá unha aula aberta de ioga; mentres que Xeografía e Historia será o escenario dun concerto da Orquestra Universitaria. A aula aberta de danza contemporánea, tamén ás 13.00 horas, e a intervención de tango, ás 14.00, terán lugar no Seminario de Estudos galegos. Pola súa parte, tamén ás 14.00 horas, Ciencias da Comunicación albergará a pinchada pícnic DISCOSLAPLAZA; Filoloxía, ás 16.00 horas, será o lugar escollido para o intercambio lingüístico organizado dende o Centro de Linguas Modernas; e Ciencias da Educación no Campus Norte, ás 18.00 horas, será escenario dunha aula aberta de zumba que, ao día seguinte, repetirase na explanada do Burgo das Nacións, ás 17.30 horas.

O mércores 14, os soportais da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias acollerán unha aula aberta de pilates; o pavillón estudantil será o punto elixido para unha nova edición dos encontros do CLM; mentres que a Sala Roberto Vidal Bolaño  acollerá a presentación da actividade teatral da USC con photocall, atrezzo e vestiario. Ademais, nesa mesma xornada, o coro universitario desenvolverá unha aula aberta na Igrexa da Universidade.

Na derradeira xornada, o xoves 15, a Praza Rodríguez Cadarso acollerá o concerto da orquestra universitaria, a pinchada pícnic con Riquinha DJSET, unha aula aberta de baile tradicional e pandeiretas, e a presentación das asociacións de estudantes da USC. Un faladoiro coa delegada de Igualdade, a presentación da Unidade de Atención Psicolóxica, o obradoiro ‘Sexoentempos de tinder’ Quérote + e os encontros informativos con clubs deportivos de alto nivel completan a programación dunha xornada que terá como colofón os concertos de Futuro Alcalde, Bratzantifa, Mundo Prestigio e André GS.

Ademais, ao longo dos tres días poderán realizarse visitas guiadas ao Museo de Historia Natural e ao Observatorio Astronómico Ramón María Aller, ademais dun roteiro polos colexios de San Xerome e Fonseca. A Praza Rodríguez Cadarso albergará postos informativos, así como o desenvolvemento de diversos torneos deportivos.

MasterClass de elementos ximnásticos

Na tarde do xoves 15, desenvolverase unha MasterClass de elementos ximnásticos que contará coa participación de Melania Rodríguez Muñoz, campioa dos World Games 2022 en dobre mini-tramp (DMT), disciplina que consiste en realizar dous saltos con gran dificultade caendo nun colchón de recepción con zona de aterraxe determinando así a nota de salto. A dificultade vén determinada polo máximo número de xiros así como a correcta execución dos mesmos e a recepción controlada. Melania Rodríguez foi primeira por equipos de trampolín no Campionato de Europa de Ximnasia de Trampolín 2022, e terceira por equipos de dobre mini-tramp, no mesmo campionato. No obradoiro, o alumnado participante poderá, ademais de observar a exhibición da deportista, practicar piruetas ou xiros, entre outros exercicios.

Ademais, a MasterClass contará tamén con Tumbling, pista alongada de 25 metros sobre o chan que amortece os impactos á vez que os potencia. Neste caso, utilizarase un airtrack como iniciación á devandita modalidade deportiva. Traballaranse elementos sinxelos e elementos complexos en función do nivel dos alumnos e alumnas: rodas laterais, pinchacarneiros, roldadas, tempos, flic flac e, en caso de ser posible, saltos mortais.

Ademais de Melania Rodríguez, participarán na actividade Aintzane Dapena García (3º Equipos DMT – Campionato de Europa de Ximnasia Trampolín 2022), Noa Puente-Dodd Álvarez (4ª Campionato do Mundo por Equipos 2021 TRA), Alejandra Braña Barreiros (3º Equipos DMT – Campionato de Europa de Ximnasia Trampolín 2022), Adrián Soliño Filgueira (dez veces Campión de España Absoluto en Tumbling), Juan Ángel Fernández Ramírez (3º Campionato de España de Ximnasia Trampolín 2022-TUM) e Mikel Mardones Iza (Campión de España DMT 2021 16º - Campionato do Mundo por Idades - DMT 2021).

En canto aos elementos acrobáticos, desenvolveranse en parellas/tríos establecendo rutinas de ximnasia acrobática básicas que se basean en equilibrio e flexibilidade. Será unha breve introdución a figuras básicas acrobáticas. Nesta modalidade participarán, Ana Lourido, Celia Torres e Águeda Fontaíña (bronce no Campionato de España Trío Infantil Base) e Iván Gutiérrez e María Sésar (subcampións de España en Parella Mixta Alevín Base).

A actividade conta co apoio da Federación Galega de Ximnasia e o Club de Ximnasia Rítmica Compostela.

‘#BenVidaUSC!’ Lugo

As actividades programadas en Lugo terán como escenario distintos emprazamentos da sede universitaria así como da capital amurallada e desenvolveranse en quenda de mañá e tarde. Visitas guiadas á Domus do Mitreo, roteiros diurnos e nocturnos polo recinto histórico de Lugo e pola sede universitaria, ademais dunha cata nas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) abren o 13 de setembro o programa ‘¡#Ben Vida USC!’ no Campus lugués no marco dunha xornada durante a que tamén se celebrarán aulas abertas de ioga, na Facultade Ciencias, e de defensa persoal, nas instalacións do CIFP Politécnico, ademais de conversas co profesorado do Centro de Linguas Modernas da USC na Facultade de Humanidades. Dous concertos gratuítos, a partir das 21.00 horas, na explanada de acceso á Facultade de ADE, a cargo de Bratzantifa e Nebra, completan o cartel do primeiro día das xornadas ‘#Ben Vida USC!’.

A programación organizada para dar a benvida ao novo alumnado matriculado na sede universitaria luguesa, pero aberta a toda a comunidade universitaria continuará o mércores e o xoves con roteiros nocturnos e de arte urbana pola cidade, coloquios en idiomas estranxeiros, presentación de servizos e asociacións universitarias, obradoiros de baile tradicional, sesións de Dj e concertos, a partir das 20.00 horas, na explanada da Facultade de ADE, a cargo de As fillas de Cassandra, Grima e Son do Galpom. Antes desta velada nocturna, o alumnado interesado tamén poder participar nun encontro informativo con representantes de clubs deportivos de alto nivel. Ao día seguinte, as xornadas ‘#BenVidaUSC!’ continuarán no Campus de Lugo con máis actividades lúdicas e informativas, así como coa presentación da programación teatral da USC e unha aula aberta de danza contemporánea.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.09.2022.