Pasar al contenido principal

Entrega de Premios da IV Edición do Concurso Innovatia 8.3

11.10.2022 | 10.00h-14.30h

Santiago de Compostela
Salón Nobre

Este certame da USC e do Instituto das Mulleres distingue proxectos empresariais creados co apoio das universidades ou organismos públicos de investigación

Entrega de Premios da cuarta edición do concurso Innovatia 8.3
Entrega de Premios da cuarta edición do concurso Innovatia 8.3

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acollerá o vindeiro 11 de outubro a entrega de premios da cuarta edición do concurso INNOVATIA 8.3, un certame que distingue as empresas creadas co apoio das universidades ou organismos públicos de investigación (OPIs) e lideradas por mulleres.

A iniciativa, impulsada polo Instituto das Mulleres e a USC, pretende apoiar proxectos de emprendedoras con carácter innovador, ademais de promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no ámbito universitario e tecnolóxico. O premios concédense a proxectos empresariais, independentemente do número de persoas neles participantes. Nesta edición concorren 33 propostas, das que 16 son candidatas ao Premio de proxecto empresarial de Base Tecnolóxica, dotado con 10.000 euros,  e 17 ao Premio de proxecto empresarial Startup, cunha dotación de 7.000 euros.

O acto de entrega será conducido por Eva López Barrio, coordinadora de Innovatia 8.3,  e abrirá ás 9.30 horas coas intervencións de Antonio López Díaz, reitor da USC; María Antonia Morillas González, directora do Instituto das Mulleres, e Isabel Jiménez Lucena, Coordinadora de Políticas de Xénero do grupo de Sostenibilidade da CRUE, e vicerreitora de Igualdade, Diversidade e Acción Social da Universidade de Málaga.

O evento contará con dúas mesas redondas nas que participarán destacadas referentes do ámbito científico e do emprendemento. A primeira delas, moderada por Luis Otero González,  delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, versará sobre 'Emprendemento Universitario de Base Científica' e reunirá a Carmen Pampín Casal, directora executiva de Galchimia; Catalina Fernández de Ana Portela, co-fundadora e directora de Hifas da Terra; Maruxa Quiroga García, directora executiva e co-fundadora de Tastelab; Desireé Teijeiro Osorio, directora de operacións e co-fundadora de Libera Bio; e Marta Lores Aguín, socia e directora científica de i-Grape.

O seu remate dará paso á mesa 'Emprendemento universitario e economía feminista', moderado pola delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, e coas intervencións de María del Pilar Rodríguez Suárez, investigadora e xerente de Dehistoria; Miriam Fernández Barreiros, presidenta de Latento Altas Capacidades; Yolanda Pena Boquete, xefa de departamento e da división de investigación de AYeconomics; e Fátima Rodríguez Figueiras, administradora solidaria de Promove Consultoría e Formación.

A conferencia de clausura correrá a cargo de Carmen Fenoll Comes, presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas , e o acto concluirá coa presentación de Innovatia como iniciativa elixida para representar a España nos Premios Europeos á promoción empresarial de 2022.

Para asistir presencialmente ao evento é preciso cumprimentar o formulario de inscrición habilitado pola organización antes do 7 de outubro.  O acto tamén se retransmitirá en liña a través da canle de YouTube de Innovatia 8.3.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.10.2022.