Pasar al contenido principal

A Feira de Emprendedoras fomenta a creación de empresas lideradas por mulleres no eido cultural

Antonio López e Xosé Sánchez Bugallo xunto co equipo organizador e emprendoras participantes. FOTO: Santi Alvite
Antonio López e Xosé Sánchez Bugallo xunto co equipo organizador e emprendoras participantes. FOTO: Santi Alvite
Espazos expositivos e debates coa intervención de empresarias e creadoras integran este foro que pon en valor “entidades con liderados feministas, imprescindibles para a consolidación dun tecido empresarial de gran valor engadido”
Santiago de Compostela

“A igualdade formal pode parecer conseguida pero a real é unha tarefa que está por conseguir”. Así se pronunciou o reitor Antonio López no acto inaugural da Feira de Emprendedoras que reúne no Teatro Principal a “entidades con liderados feministas, creadas moitas delas por mulleres referentes, imprescindibles para a consolidación dun tecido empresarial de gran valor engadido”, coas futuras xeracións de emprendedoras. Trátase dun espazo de diálogo directo no que compartir experiencias, inquedanzas e aprender, tal e como explica Eva López Barrio, directora de Woman Emprende. O evento céntrase este ano no sector artístico e cultural e, na súa inauguración, tamén participou o alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo.

“A igualdade efectiva é un traballo de convencemento de todas as persoas”, continuou o reitor. “Trátase dun traballo diario de concienciación”, dixo, que tamén abarca o emprendemento. Neste senso, Antonio López puxo en valor a longa traxectoria neste eido tanto da USC como da cidade de Compostela no seu conxunto. “A cultura é un ámbito no que temos que poñer experiencias en común para alentar a que as mulleres queiran ser empresarias”, afirmou en referencia ao feito de que a edición deste ano  xire arredor do sector artístico e cultural.

Debate

Xunto á parte expositiva, a Feira consta de diversas mesas de debate que abordan distintos aspectos do emprendemento feminino no eido artístico e cultural. ‘A transmisión da cultura. Loita e perseveranza’ é obxecto de análise por parte de Antía Otero de Apiario Editora, Chus Costoya da Libraría Pedreira, Iria Silvosa de Numax, e Pilar Rodríguez e Mercedes Vázquez de dehistoria S.L.L. A continuación, dende o eido da propiedade intelectual, intervén Lydia Fernández; xunto coa profesional da tatuaxe, Jana Lorenzo; a escultura e pintora, Roni Herrán; e a pintora María Feijoo. Todas elas integran a mesa titulada ‘Abrirse camiño nas artes plásticas. Como protexer a propiedade intelectual’.

En materia de ‘Perspectiva de xénero sobre o escenario. Como crear marca’, disertan a bailarina de circo artístico, Raquel Oitavén; Sara Rodríguez, en representación de ‘Magia en la Manga’; a actriz do Grupo Chévere, Patricia de Lorenzo; e o responsable da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro. Finalmente, a mesa ‘Emprendemento no sector musical’ conta coa participación da gaiteira Susana Seivane; a baixista do grupo Zënzar e ilustradora, Laura Romero; Xiana Lastra e Andrea Porto de ‘A Banda da Loba’; e María José Cerviño, da Escola de Música Berenguela.

Formación

Como paso previo á Feira, ao longo desta semana, desenvolveuse un Campus de Emprendemento gratuíto para as universitarias da USC “con inquedanzas por descubrirse, a través das técnicas teatrais, a si mesmas, as súas habilidades, os seus soños, e medrar como persoas e futuras profesionais”, explicaron dende a organización. A formación correu a cargo de Nekane Fernández, emprendedora, psicóloga, actriz e formadora de teatro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.09.2022.