Unha trintena de alumnas e alumnos integran a décimo quinta promoción deste programa de fomento ao talento matemático

Coa vontade de estimular o talento matemático en mozos e mozas de entre 12 e 14 anos, o programa ESTALMAT-Galicia bota a andar a súa décimo quinta promoción.
O acto de apertura do novo curso desenvólvese na Aula Magna da Facultade de Matemáticas este sábado, 1 de outubro, ás 11.00 horas, nun acto presidido polo reitor Antonio López. Un total de 10 alumnas e 20 alumnos asisten acompañados por familiares, autoridades académicas, patrocinadores do proxecto, representantes do ensino medio e membros do equipo docente do proxecto. Ao final do acto, desenvólvese un campamento matemático durante a fin de semana no Albergue de Ecoturismo Alvarella-Concello de Vilarmaior na Coruña, que supón unha toma de contacto entre elas e eles nun ambiente lúdico-matemático.
Ademais do reitor, interveñen no acto a decana da Facultade de Matemáticas e presidenta do programa, a profesora Elena Vázquez Cendón; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novo, en delegación do Conselleiro de Cultura, Educación e Universidades; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey Vilar; e a profesora Alicia Seijas Vázquez, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo e estudante de Estalmat-Galicia durante a primeira promoción, que intervén en representación do persoal docente que anima os estudantes a presentarse ás probas. Ademais, o IES Leiras Pulpeiro de Lugo, dirixido polo profesor de matemáticas Manuel ViIlariño, é o único no que se seleccionaron tres estudantes para esta promoción décimo quinta, cuxa presentación corre a cargo da secretaria do Comité Organizador de ESTALMAT-Galicia, Marina Germiñas Miguens, do IES Aquis Celenis-Caldas De Reis.