Paraninfo
A Universidade de Santiago de Compostela acolle en 2022 este congreso bienal de climatoloxía que reúne figuras destacadas deste ámbito científico no intercambio de ideas e promoción de iniciativas cara a unha mellor comprensión do clima e da súa variabilidade

A Universidade de Santiago colabora coa Universidade de Vigo e a Asociación Española de Climatoloxía (AEC) na organización do XII Congreso Internacional da entidade, un encontro que en 2022 ten como lema 'Retos do cambio climático: impactos, mitigación e adaptación'.
A Facultade de Xeografía e Historia da USC e o Centro Obra Social ABANCA acollerán do 19 ao 21 de outubro as sesións deste foro bienal que reúne figuras destacadas deste ámbito científico no intercambio de ideas e promoción de iniciativas cara a unha mellor comprensión do clima e da súa variabilidade. Os modelos e escenarios climáticos; a variabilidade, os extremos e os riscos; os océanos e os sistemas naturais; e o clima, a saúde, a economía e a sociedade son as principais liñas de traballo da duodécima edición do encontro.
A inauguración do congreso terá lugar o día 19 de outubro ás 9.30 horas no Paraninfo da Universidade e contará coas intervencións de Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela; Vicente Pérez Muñuzuri, vicerreitor de Política Científica; Miguel Ángel López González, Presidente de AEMET; Ángeles Vázquez Mejuto, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Domingo F. Rasilla, presidente da AEC, e Alberto Martí Ezpeleta, integrante do comité organizador.
O programa completo do XII Congreso Internacional da AEC está dispoñible nesta ligazón.
Precongreso
De forma previa ao congreso, a AEC organiza o 18 de outubro de 2022 un coloquio de estudantes de doutoramento e un obradoiro de introdución ao Google Earth Engine que será impartido pola oceanógrafa Mar Roca.