Salón de actos
O ciclo de relatorios ‘O furo do medio rural no noroeste peninsular’ celebra unha nova sesión este xoves a partir das 16.00 horas, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría

O ciclo de conferencias ‘O futuro do medio rural no noroeste peninsular’, unha iniciativa promovida pola Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais (SEIAF) en colaboración co Campus Terra da USC, continúa o xoves 13 de outubro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría dunha nova sesión de debate na que docentes da USC e das universidades de Oviedo e Politécnica de Madrid, así como representantes políticos do Goberno de Castela e León, achegarán os seus respectivos puntos de vista respecto da silvicultura, a xestión forestal e os incendios.
O alumno da EPS de Enxeñaría e presidente da Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais (SEIAF), Andrés Osoro, moderará, a partir das 16.00 horas, no salón de actos do centro universitario lugués, unha nova quenda de relatorios no marco do ciclo ‘O futuro do medio rural no noroeste peninsular’.
A investigadora da USC Ana Daría Ruiz González abrirá a quenda de intervencións coa charla ‘O combustible forestal en Galicia’. De seguido, Tomás Emilio Díaz, da Universidade de Oviedo, ofrecerá o relatorio ‘Síntese dos bosques no noroeste peninsular’. Froilán Sevilla Martínez, do Goberno de Castela e León, pechará a primeira quenda de intervencións cunha exposición na que abordará a silvicultura de frondosas.
O aproveitamento da biomasa como prevención de incendios e as posibles solucións a desenvolver nos espazos degradados polas lapas, serán outras das temáticas abordadas nesta sesión da man dos profesores Eduardo Tolosana Esteban, da Politécnica de Madrid, e Agustín Merino García, da USC.