O evento, de finalidade teórico-práctica, inclúe relatorios, sesións para a presentacións de publicacións e dous obradoiros prácticos
Os videoxogos serán os protagonistas da décimo cuarta edición do Seminario de Avaliación de Materiais Didácticos, que terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) da Universidade de Santiago de Compostela os días 16 e 17 de novembro de 2022.
Conscientes da necesaria formación en videoxogos, e partindo de que as/os profesionais da educación deben realizar un tratamento reflexivo, crítico e innovador dos avances tecnolóxicos e científicos, esta actividade nace coa finalidade de ofrecer un espazo de encontro para o alumnado universitario e comunidade educativa (profesorado, familias, outras/os profesionais…) co fin de favorecer a análise e utilización crítica dos videoxogos nas aulas, nos fogares e na sociedade.
O seminario ten por obxectivos xerais comprender a utilidade de avaliar os videoxogos, coñecer xéneros de videoxogos e guías de avaliación para utilizar estes recursos en diferentes etapas educativas, aproximarse ao deseño e desenvolvemento de videoxogos para a educación e descubrir exemplos concretos de uso para o seu emprego nas aulas e noutros escenarios educativos.
O evento, de finalidade teórico-práctica, inclúe relatorios, sesións para a presentacións de publicacións e dous obradoiros prácticos. O primeiro deles, 'Xogos Serios e Gamificación: evidencias desde a práctica en aulas reais de ensino primario' busca orientar as e os futuros profesionais ante as evidencias que os xogos supoñen para a mellora dos procesos de aprendizaxe como desde a práctica en contextos reais de uso en aulas de ensino primario. O segundo obradoiro, 'Deseño de Videoxogos Colaborativos con Makey Makey e Scratch', céntrase na importancia de aprender xogando, experimentando, descubrindo e creando. Propón, tras unha experiencia de xogo en primeira persoa, a creación de videoxogos polas propias participantes pensados en favorecer a participación, expresión e toma de decisión do alumnado (de diferentes idades). Búscase aproveitar o potencial dos videoxogos para conectar experiencias, contextos e aprendizaxes; traballando con ferramentas Open Source.
Trátase dunha actividade organizada pola Facultade de Ciencias da Educación da USC, Nova Escola Galega e o Grupo de Investigación Materiais Educativos Cavila, e a asistencia é de balde previa inscrición.