A USC ocupa o segundo chanzo no X Estudo sobre Voluntariado Universitario

A USC sitúase entre as universidades que acometeron un maior número de accións de voluntariado durante o pasado curso académico. Cun total de 285 accións, a institución compostelá sitúase no segundo chanzo do X Estudo sobre Voluntariado Universitario da Fundación Mutua Madrileña. Este informe ten por obxecto achegar a realidade do voluntariado universitario e a súa abordaxe dentro das universidades. En total, no ano académico 2021/2022, 874 alumnos e alumnas da USC estiveron implicadas en accións de voluntariado.
O estudo de Mutua Madrileña elaborouse a partir dun cuestionario remitido durante o período de xuño a agosto de 2022 aos responsables do servizo de voluntariado de universidades con sede en España, tanto públicas como privadas, así como a entidades sen ánimo de lucro con sede no Estado. A mostra que serviu de base para a elaboración da listaxe ascende a 39 universidades (o que representa o 46% do total) e 65 ONG con sede en España, cuxa actividade se focaliza en diferentes ámbitos de actuación e reflicte as actuacións de voluntariado desenvolvidas durante o curso académico 2021/2022.
Ámbitos de actuación
Os eidos sobre os que actúa o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC (SEPIU) atópanse vinculados coa infancia, maiores, colectivos en risco de exclusión social, persoas con diversidade funcional, proxectos do ámbito da muller, cooperación ao desenvolvemento, medioambiente, animais ou voluntariado asistencial a persoas enfermas. A de Compostela só foi superada pola Universidade de Girona nesta clasificación. Na actualidade, a USC colabora, en materia de voluntariado, con preto de 200 entidades.
Este informe realizouse con motivo do lanzamento dos X Premios ao Voluntariado Universitario, uns galardóns que teñen como finalidade recoñecer, apoiar e promover o labor altruísta das persoas universitarias que colaboran en proxectos de voluntariado, á vez que apoian economicamente as iniciativas sociais nas que participan, da man de entidades sen ánimo de lucro.