Pasar al contenido principal

O photocall #resclima2018 reivindica a urxencia de implementar respostas educativas e sociais ante a crise climática

A xornada desenvolveuse en Ciencias da Educación promovida polo grupo Resclima. Foto: Servimav-USC
A xornada desenvolveuse en Ciencias da Educación promovida polo grupo Resclima. Foto: Servimav-USC

A comunidade universitaria e a compostelá participaron este mércores 17 en Ciencias da Educación no photocall #resclima2018 contra o cambio climático organizado polo grupo de investigación Resclima da USC. É unha iniciativa coa que se busca reivindicar a urxencia de implementar respostas educativas e sociais ante a crise climática. Como sinalan dende o grupo, a necesidade de chamar a atención sobre a dimensión do problema e a urxencia de pensar alternativas socio-educativas foron o pano de fondo para que as persoas interesadas se retratasen coa mensaxe que desexaban divulgar.

Frases como ‘Non hai planeta B’, ‘Estou a mudar as cousas, non acepto o cambio climático’ ou ‘ Educación libre de combustibles fósiles’ son algunhas das opcións entre as que puideron escoller para retratarse e propagar posteriormente as ideas a modo de retos para mudar o sistema. Cada ano, en conmemoración da Confederación Intergubernamental da ONU sobre Educación Ambiental celebrada en 1977 en Tbilisi, universidades, escolas, aulas de natureza, centros de educación ambiental, asociacións, museo ou municipios de todo o mundo organizan eventos especiais para salientar a importancia da educación ambiental.

Seminario Resclima
A vindeira semana, está prevista ademais a celebración do IV Seminario Resclima e o II Encontro da Rede Internacional de Pesquisadores en Educaçao Ambiental e Justiça Climática. Nestas actividades abordaranse algúns dos retos inmediatos para que os sistemas educativos orienten as súas prácticas pedagóxicas á consecución dos obxectivos de mitigación e adaptación que a comunidade científica internacional sinala como imprescindibles para ter certo control sobre un clima cada vez máis hostil. Este é un evento internacional a celebrar no Auditorio de Galicia e cuxo programa xa está dispoñible en web.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.10.2018.