A USC súmase ás reivindicacións do manifesto do Día do Dano Cerebral Adquirido

O 26 de outubro conmemórase o Día do Dano Cerebral Adquirido (DCA). A USC sumouse á lectura do manifesto pronunciado este mércores na Praza do Obradoiro e que foi elaborado conxuntamente polas 48 entidades agrupadas na Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE), á que pertence a asociación Sarela, impulsora do acto. No texto, fíxose fincapé na necesidade de mellorar a inclusión social das persoas con dano cerebral adquirido coa vontade de que se sintan “persoas autónomas”. O reitor Antonio López estivo presente no acto de lectura.
Representantes de persoas usuarias e familiares de Sarela pronunciaron o manifesto que recolle o sentir e as reivindicacións deste movemento asociativo. O texto deste ano centrouse en reclamar medidas para garantir a accesibilidade cognitiva das persoas con dano cerebral adquirido, eido no que “queda moito por avanzar”. Así, o manifesto reclamou unha estratexia estatal coordinada de atención a este tipo de dano ou un censo completo de persoas con DCA, entre outros aspectos e, sobre todo, “que se escoite a nosa voz”. O lema do acto foi 'Unha vida salvada merece ser vivida... con dignidade'.
Ademais, este ano o acto principal de celebración consistiu no acompañamento e recibimento de Montse, Enrique, Juan, Marta e Alberto, as cinco persoas con DCA, que realizaron o Camiño de Santiago dende Pedrafita. De feito, establecéronse diferentes puntos de encontro para que as persoas e familias socias de Sarela, e quen así o desexase, puidese sumarse ao percorrido dende o Monte do Gozo.
Tras a lectura do manifesto, as persoas participantes déronse cita nunha recepción que se desenvolveu no Colexio de Fonseca e que permitiu o intercambio de opinións, así como coñecer de primeira man as respectivas experiencias. FEDACE agrupa a máis de 11.000 persoas socias das que unhas 700 pertencen a Sarela.