Organizadas polo grupo de investigación ESCULCA, están abertas a toda a comunidade universitaria

O grupo de investigación ESCULCA organiza a primeira edición das 'Xornadas en prol da Igualdade de Xénero offline e online: do sexting á sextorsión' nas que se abordarán os resultados do estudo 'Do sexting á sextorsion: avaliación das novas formas de violencia sexual online no colectivo universitario', realizado na USC.
Trátase dun estudo financiado pola Convocatoria de axudas á investigación da Universidade de Santiago de Compostela para a realización de proxectos destinados ao desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero (Ministerio de Igualdade, ano 2022). Ademais, afondarase neste tipo de violencias sexuais en liña reflexionando sobre as claves para a súa intervención pedagóxica.
As xornadas están abertas a toda a comunidade universitaria e celebraranse no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación a mañá do venres 4 de novembro.