Pasar al contenido principal

Instituto de Ciencias Forenses Luís Concheiro e Imelga manteñen a súa sinerxía no eido da medicina legal e forense

O convenio establece tamén o compromiso de  estimular e dar apoio á colaboración e coordinación entre o Instituto de Ciencias Forenses Luís Concheiro e o Instituto de Medicina Legal de Galicia en materia de investigación e a promover este eido en todos os programas de I+D+i
O convenio establece tamén o compromiso de estimular e dar apoio á colaboración e coordinación entre o Instituto de Ciencias Forenses Luís Concheiro e o Instituto de Medicina Legal de Galicia en materia de investigación e a promover este eido en todos os programas de I+D+i
A cooperación esténdense ao desenvolvemento de actividades docentes e ao apoio ás facultades para proporcionarlles aos estudantes experiencia no ámbito de actuación dos dous centros
Santiago de Compostela

Ao longo de 2021, a colaboración entre o Instituto de Ciencias Forenses Luís Concheiro da USC e o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) permitiu a realización de 958 probas de toxicoloxía que supuxeron 1.797 análises e 113 probas xenéticas, nun total de 488 mostras, para o xenotipado de diversos marcadores xenéticos. Deste xeito, o Luís Concheiro realiza as probas de toxicoloxía e xenética forenses que precisen os médicos forenses do Imelga ou os xuíces ou fiscais, así como as solicitadas polos corpos e forzas de seguridade que sexan acordadas pola autoridade xudicial.

Coa vontade de manter esta liña de colaboración, o reitor da USC, Antonio López, e o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinaron este luns, 31 de outubro, un convenio no eido da medicina legal e forense. Ao abeiro desta liña de cooperación, cofinánciase con 200.000 euros o funcionamento do Instituto de Ciencias Forenses Luís Concheiro, dependente da universidade e que lle está a prestar apoio ao Imelga. Tamén asistiu o director xeral de Xustiza, José Tronchoni.

Segundo recolle o acordo, trátase de probas de investigación de paternidade e de investigación xenética derivadas de expedientes acollidos ao beneficio de xustiza gratuíta, así como as acordadas pola autoridade xudicial ou a instancia do Ministerio Fiscal. Os servizos de Toxicoloxía e Xenética forenses realizan tamén as análises biolóxicas, clínicas, toxicolóxicas ou criminalísticas que soliciten as autoridades xudiciais ou médicos forenses do Imelga, ademais das análises de alcoholemia solicitadas por esas autoridades e funcionarios ou polas unidades de policía xudicial en procesos penais.

Actividades docentes

Outra das liñas de cooperación entre a Xunta e a universidade compostelá céntrase no desenvolvemento de actividades docentes en mestrado e terceiro ciclo, así como de xeito xeral coas facultades de Medicina, Odontoloxía e Dereito, para proporcionarlles aos estudantes experiencia no ámbito de actuación de ambos os dous institutos. A maiores, realízanse accións formativas para especialistas en medicina legal e forense en colaboración e coordinación co Imelga.

O convenio establece tamén o compromiso de  estimular e dar apoio á colaboración e coordinación entre o Instituto de Ciencias Forenses Luís Concheiro e o Instituto de Medicina Legal de Galicia en materia de investigación e a promover este eido en todos os programas de I+D+i.

As accións conxuntas que desenvolven os dous institutos enmárcanse na filosofía de optimización dos recursos públicos coa que foi creado o Imelga, en 2005. Así, o instituto foi dotado dos servizos de Patoloxía e Clínica, e non do de Laboratorio, coa previsión de establecer instrumentos de colaboración co Instituto Luís Concheiro para a utilización dos seus servizos, e en particular para a investigación medicolegal.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.10.2022.