Comisariada por Javier Ares Espiño e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno

Neste ano 2022 estase a conmemorar o centenario do nacemento de Carlos López García-Picos (1922-2009), compositor betanceiro que emigrou a Bos Aires e estudou en París.
A exposición que se inaugura o vindeiro martes 14 no Colexio de Fonseca, recolle as diversas facetas da personalidade do autor: como creador musical en contacto coas vangardas de Galicia, Bos Aires e París, como director de coros nestas dúas cidades, como dinamizador do asociacionismo musical a ambas as marxes do Atlántico e como figura do galeguismo bonaerense.
Comisariada por Javier Ares Espiño e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno, organízase en 5 bloques temáticos que agrupan na súa traxectoria nun sentido xeográfico pero desdobran a súa etapa en Galicia e engaden un apartado dedicado aos seus contactos.
A mostra presenta a singularidade de propoñer unha viaxe visual pero tamén unha paisaxe sonora a través de 9 gravacións que intercalan algunhas das súas obras máis representativas con intervencións do propio García-Picos a través dunha entrevista realizada polo barítono, escritor e crítico musical Antón de Santiago en Radio Galega no ano 1988. O mecanismo para realizar esta visita sonora é mediante un dos códigos QR que aparecen no espazo. Os outros dous códigos QR están destinados ao programa da exposición e á publicación da biografía do compositor, para ampliar toda a información exposta.
O acto de inauguración terá lugar ás 12.00 horas no Claustro Alto do Colexio e contará coas intervencións da vicerreitora de Estudantes e Cultura Pilar Murias, do concelleiro de Educación, Deporte, Urbanismo, Casco Histórico e Patrimonio do Concello de Betanzos, Andrés Teijo; do secretario xeral de Cultura, Anxo Manuel Súarez Lourenzo e do comisario da exposición, Javier Ares Espiño. A partir de entón poderá visitarse no Claustro alto do Colexio de Fonseca dende ata o 25 de novembro de 2022 con entrada libre e de balde.