O Centro de Formación de Persoal organiza a primeira edición do curso para o desenvolvemento da función directiva na USC

A primeira edición do curso de formación sobre o desenvolvemento da función directiva na USC permitirá fornecer dos coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para despregar ao máximo as potencialidades directivas do colectivo de empregados da institución que ocupan ou poidan ocupar postos directivos. Esta iniciativa está organizada polo Centro de Formación de Persoal da USC, dirixido por Isabel Vaquero Quintela. “Trátase, en definitiva, de crear unha bolsa de persoal capacitado para asumir funcións directivas na universidade, segundo o Regulamento do Persoal Directivo Profesional da USC”, apuntan dende a organización do curso. O prazo para inscribirse remata o día 20 de novembro. A USC é a primeira administración universitaria galega que conta cun cadro de persoal directivo de acordo co Estatuto Básico do Empregado Público.
Este curso está dirixido, en primeiro lugar, ao persoal directivo profesional actual da USC. Poderá participar tamén, sempre que estea en posesión dun título de grao universitario ou equivalente, o persoal funcionario dos grupos A1 e A2, e o persoal laboral fixo dos grupos I e II. Así mesmo poderán participar membros do PDI con vinculación permanente na USC.
A actividade será inaugurada por Manuel Arenilla, catedrático de Ciencia da Administración na Universidade Rey Juan Carlos, o vindeiro día 29 de novembro, impartindo unha sesión sobre o papel da universidade pública e do persoal directivo público nunha contorna de crise e incerteza. Seguirao o xurista, formador e consultor, Rafael Jiménez Asensio, quen profundará nos principios e valores na administración pública. Á hora de impartir as materias do primeiro módulo, referidas aos retos nas áreas administrativa, de recursos humanos e economía, intervirán a catedrática de Dereito Administrativo da USC, Alba Nogueira; o profesor de Ciencia Política e da Administración da UVigo, Óscar Briones; e o subdirector da Área de Recursos Económicos da Área Sanitaria de Vigo e ex-xerente da UVigo, Manuel Fernández Jáuregui; respectivamente.
Este primeiro módulo, que tamén abordará a transversalidade da igualdade, a inclusión social, a sustentabilidade ambiental e a Axenda 2030, así como a política lingüística na política universitaria, rematará no mes de febreiro. Os módulos dedicados á condución ao cambio na administración pública e ás competencias directivas básicas terán lugar de abril a xuño. O curso ten unha carga lectiva global de 300 horas e mestura formación presencial e en liña.