Pasar al contenido principal

Exposición

'20 anos do Prestige. Esa cicatriz indelébel'

Durante o mes de novembro

A Biblioteca Concepción Arenal abeira unha exposición bibliográfica que conmemora o 20 aniversario do afundimento do Prestige

Detalle da exposición '20 anos do Prestige. Esa cicatriz indelébel'. FOTO: Santi Alvite
Detalle da exposición '20 anos do Prestige. Esa cicatriz indelébel'. FOTO: Santi Alvite

En novembro de  2022 cúmprense 20 anos da catástrofe do Prestige e a Biblioteca Concepción Arenal quere sumarse a este acontecemento contribuíndo á construción do relato colectivo daquel desastre ecolóxico que marcou un antes e un despois na nosa sociedade a través dunha exposición bibliográfica seleccionada, dada a inxente cantidade de material producido desde aquela. Tras dúas décadas, este suceso permanece inalterable na nosa memoria, de aí 'esa cicatriz indelébel'. A exposición pretende rememorar aquelas fatídicas xornadas que comezaron o 13 de novembro do ano 2002, as súas causas e consecuencias dende distintas perspectivas, xornalística, política, social e visual... pero tamén da repulsa cidadá e da marea de voluntariado que trouxo canda si. Ao tempo, a mostra visibiliza a mobilización que dende a USC se deu naqueles días a través da Plataforma Burla Negra, unha das máis de 200 asociacións vencelladas á Plataforma Nunca Máis, artellada por colectivos nos que o persoal bibliotecario tivo moita presenza.

A escolma quere expresar, especialmente para as novas xeracións, o pesadelo que supuxo o afundimento e a chegada do chapapote ás nosas costas, pero tamén a mobilización da sociedade civil coa chegada das persoas voluntarias que non dubidaron en desprazarse para vir limpalas. A exposición poderá visitarse durante o mes de novembro, de luns a venres de 9 a 21 h e os sábados, domingos e festivos de 10 a 19 h.

Como complemento á mostra bibliográfica o público poderá gozar dunha selección de fotografías inéditas de Xesús García Devesa, a través das cales veremos a situación na que quedaron a praia de Rostro e a costa de Sardiñeiro (Fisterra), ademais das multitudinarias manifestacións convocadas por Nunca Máis celebradas en Compostela nos días posteriores ao afundimento.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.11.2022.