Fomento da cultura e captación de talento, eixos do convenio asinado por USC e Deputación da Coruña

USC e Deputación da Coruña renovaron este mércores 16 a súa aposta conxunta pola difusión e fomento da educación, a investigación e a transferencia do coñecemento. O reitor Antonio López e o presidente Valentín González Formoso asinaron na sede provincial este acordo estruturado en cinco accións prioritarias. Ademais de dar pulo ao desenvolvemento cultural e científico, esta sinatura simboliza “un compromiso de continuidade dunha alianza estratéxica e reforza a idea de que xuntos chegamos máis lonxe”, sinalou o reitor Antonio López. Esta colaboración entronca, ademais, coa misión universitaria de facer transcender o coñecemento en calquera das súas manifestacións, tanto do traballo investigador como da produción e difusión da cultura como elemento transversal dunha sociedade.
Ambas institucións renovan un ano máis a súa alianza para levar a cabo diversos programas e actividades cos que se busca “impulsar a investigación e a transferencia de coñecemento, así como axudar a descubrir e potenciar o talento da nosa xente moza ofrecéndolles oportunidades de desenvolvemento, xa dende a ESO ou o Bacharelato”, afirmou Formoso, que destacou tamén a calidade da programación cultural da USC e a súa “clara aposta pola difusión do coñecemento, clave para seguir progresando como sociedade”, apuntou.
Liñas de actuación
A liña de apoio aos programas de detección e captación de talento céntrase no Programa A Ponte entre a USC e o Ensino Medio, así como en ESTALMAT Galicia, que busca detectar aptitudes matemáticas avanzadas entre o alumnado de secundaria e proporcionarlles un programa de actividades adaptadas ao desenvolvemento do seu talento.
O apoio á programación cultural conforma outra das cuestións abordadas no acordo. En virtude deste convenio USC e Deputación suman esforzos para desenvolver accións no eido do teatro, música, danza, exposicións, a posta en valor e Musealización do Patrimonio Histórico-Artístico da USC e mesmo un programa para incentivar a industria cultural Galega tras a COVID-19.
Dar pulo a congresos e seminarios constitúe outra das liñas de actuación, xunto con Camiños de Coñecemento e Experiencia (IV Ciclo), programa universitario para as persoas de máis de 50 anos das comarcas da contorna de Santiago de Compostela e da súa zona de influencia administrativa e sociocomunitaria, que por diferentes motivos (xeográficos ou económicos, entre outros moitos) non poden asistir ao devandito programa de formación para maiores nas instalacións universitarias. Neste ano 2022 conmemórase o centenario dos estudos de Química en Galicia, efeméride cuxa celebración entra tamén na derradeira das accións financiadas por este convenio que mobiliza máis de 100.000 euros.