Pasar al contenido principal

A EPS de Enxeñaría convoca no Día da Muller Rural co III Concurso de Traballos de Fin de Grao sobre Enxeñaría e Muller Rural

Vista da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC
Vista da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC
A convocatoria, aberta a estudantes da EPS de Enxeñaría que defenderan o seu TFG no curso 2017-18, contempla dous premios de 200 euros para as propostas máis valoradas

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo convoca, a través da súa Comisión de Igualdade de Xénero, no Día da Muller Rural, unha efeméride que se celebra cada 15 de outubro, a terceira edición do Concurso de Traballos de Fin de Grao sobre Enxeñaría e Muller Rural, un certame que ten por obxecto premiar aqueles Traballos Fin de Grao das titulacións de grao impartidas na EPS de Enxeñaría de Lugo asinados por alumnas ou que teñan como temática o desenvolvemento de proxectos que melloren as condicións de vida e de traballo das mulleres no medio rural.

Esta convocatoria está dirixida a todos e todas as estudantes das titulacións de grao en Enxeñaría impartidas na EPSE que defendan o seu Traballo de Fin de Grao nalgunha das convocatorias habilitadas durante o curso 2017-18. O III Concurso de Traballos Fin de Grao sobre Enxeñaría e Muller Rural mantén, do mesmo xeito que en edicións anteriores, dous premios de 200 euros cada un para as propostas mellor valoradas polo xurado en cada unha das modalidades do certame.

As alumnas da EPS de Enxeñaría que opten por tomar parte neste certame non precisan facer inscrición algunha, mentres que as demais persoas interesadas en concorrer a esta concovocatoria deben complementar unha solicitude na Secretaría de Dirección do centro ata o 5 de novembro de 2018.

O xurado encargado de fallar estes galardóns estará integrado por persoas expertas na temática do concurso. Os criterios de valoración das propostas presentadas primarán a adecuación á temática do concurso, a calidade do TFG, o carácter innovador da idea presentada e súa viabilidade ou factibilidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.10.2018.