Pasar al contenido principal

A USC participa no II Seminario para Altos Cargos Universitarios de UNISF cara á cooperación interuniversitaria na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal

O evento congregou representantes das seis universidades que constitúen o consorcio
O evento congregou representantes das seis universidades que constitúen o consorcio
O encontro contou coa presenza de representantes das seis universidades públicas involucradas no proxecto Universidade Sem Fronteiras e de relevantes entidades da Eurorrexión

O  Seminario para Altos Cargos Universitarios é unha iniciativa do proxecto Universidade sem Fronteiras (UNISF) que busca favorecer a  cooperación interuniversitaria e a harmonización e potencialidades no ensino superior na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

O reitor da USC, Antonio López Díaz, participou na segunda edición deste encontro desenvolvido en Braga e que congregou representantes das seis universidades públicas que conforman o proxecto UNISF. Canda á institución compostelá participan nel a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), Universidade de Vigo (UVigo), Universidade do Miño (UMinho), a Universidade do Porto (U.Porto) e a Fundación CEER. Ademais, o evento contou con representación doutras entidades como a Xunta de Galicia, a Axencia de Avaliación e Acreditação do Ensino Superior (A3ES), a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N).

Os obxectivos do proxecto UNISF pasan pola homoxeneización de procedementos administrativos, xurídicos e académicos das universidades implicadas e o fomento da interacción e integración dos seus respectivos servizos académicos a través de ferramentas para o desenvolvemento de graos conxuntos e de ciclos de estudos. Ademais, ten como albo favorecer a concepción de novos programas de formación e o estímulo á transferencia de coñecemento das universidades cara ao sector empresarial. Esta iniciativa internacional procura tamén que as institucións compartan infraestruturas e recursos humanos, que apliquen estratexias de comunicación comúns para incrementar a súa visibilidade no estranxeiro e busca, en definitiva, fortalecer a cooperación entre axentes do territorio.

Nun momento en que as institucións europeas incentivan a constitución de alianzas universitarias, o proxecto UNISF está a desenvolver catro cursos de posgrao cooperativos cunha clara compoñente transfronteiriza e interdisciplinaria: os mestrados en Desafíos das Cidades, en Dereito Transnacional da Empresa e Tecnoloxías Dixitais, o doutoramento en Matemática e Aplicacións e o doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.11.2022.