Pasar al contenido principal

A Estación Científica do Courel mantén aberta a inscrición na xornada sobre agroecoloxía que se desenvolverá o 27 de outubro

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
A inscrición no programa 'Unha montaña de oportunidades' é gratuíta e o prazo remata o mércores 24

A Estación Científica do Courel acollerá o vindeiro 27 de outubro a xornada de agroecoloxía ‘ Unha montaña de oportunidades’, un foro organizado pola USC en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, o Concello de Folgoso do Courel, a través do que se procura favorecer o debate e a reflexión desde a perspectiva da agroecoloxía no deseño de agroecosistemas con criterios ecolóxicos.

O programa desta xornada, que se prolongará en quenda de mañá e tarde, comezará ás 9.30 horas cun breve acto inaugural logo do que o profesor da USC e vicepresidente da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (Seae), Xan Neira Seijo, afondará sobre as oportunidades que depara a agroecoloxía.

O consultor agroecolóxico Franco Llobera dará continuidade á quenda de relatorios cunha intervención na que tratará cuestión referidas ao deseño de políticas sociais acaídas para o impulso de procesos de desenvolvemento comunitario, así como outros aspectos ligados aos desenvolvemento agroecolóxico, economía circular e sistemas agroalimentarios.

Os indicadores da calidade dos solos para avaliar a súa fertilidade, e a biomímese como ciencia imitadora da vida son os temas sobre os que disertarán Claudia Hidalgo e Jorge Etchevers, do Colexio Posgraduados de México. Xa en quenda de tarde, Llobera afondará sobre a intelixencia territorial e colectiva, os planos de desenvolvemento rural e o deseño de políticas públicas.

O director da Estación Científica do Courel e catedrático da USC, Antonio Rigueiro, ofrecerá neste foro unha charla baixo o título ‘Sistemas silvopastorais: unha práctica agroecolóxica’. De seguido, a tamén catedrática da USC e coordinadora do proxecto europeo Afinet, Rosa Mosquera, pechará a quenda de intervencións cun relatorio sobres sistemas agroforestais e cambio climático.

Inscrición e prazos

As persoas interesadas en participar na xornada de agroaecoloxía ‘Unha montaña de oportunidades’ poden facer a súa inscrición de balde ata o 24 de outubro a través dos enderezos de correo electrónico ro_rodriguezlopez [at] hotmail.com (ro_rodriguezlopez[at]hotmail[dot]com) ou antonio.rigueiro [at] usc.es (antonio[dot]rigueiro[at]usc[dot]es), indicando nome e apelidos, NIF e teléfono de contacto. A inscrición tamén se pode facer por teléfono a través dos números 648 051 928 ou 600 942 418.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.10.2018.