Pasar al contenido principal

A USC avaliará a saúde do océano en Galicia a través dunha consulta cidadá

O Índice de Saúde dos Oceános (Ocean Health Index en inglés, OHI+) é unha metodoloxía baseada na análise dos beneficios e servizos que as persoas poden obter dos océanos
O Índice de Saúde dos Oceános (Ocean Health Index en inglés, OHI+) é unha metodoloxía baseada na análise dos beneficios e servizos que as persoas poden obter dos océanos
O grupo EqualSea Lab lanza un chamamento á cidadanía para que participe na enquisa en liña coa que se coñecerá a percepción que a sociedade ten das costas galegas
Santiago de Compostela

Que é para ti un océano saudable? A partir desta pregunta, o grupo EqualSea Lab da USC, dirixido polo profesor Sebastián Villasante, pretende descubrir a percepción que a sociedade alberga con respecto á saúde das costas galegas. Con este obxectivo, a institución compostelá lanza unha consulta cidadá sobre o índice de saúde do océano en Galicia, unha iniciativa pioneira en Europa e inédita nesta comunidade. A enquisa, xa dispoñible na páxina web do grupo EqualSea Lab, permanecerá aberta á cidadanía durante os vindeiros meses.

Os detalles desta iniciativa déronse a coñecer este luns 28, nun acto que se desenvolveu no salón reitoral do Colexio de San Xerome. O vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri, e o propio profesor Villasante explicaron como esta consulta permitirá “coñecer a resiliencia das nosas costas”, tal e como apuntou o tamén investigador do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). Pola súa parte, o vicerreitor de Política Científica puxo o foco en como o feito de que sexa este un proxecto europeo “permitirá que a UE coñeza de primeira man” a percepción que a sociedade galega ten dos riscos que ameazan as súas costas. Os dous destacaron a relevancia de que esta é a primeira vez que un estudo destas características ten lugar na comunidade galega. No acto tamén participou a investigadora Katina Roumbedakis.

A enquisa pública que agora ve a luz axudará ao equipo da USC nunha investigación que desenvolven no marco do proxecto internacional AtlantECO. Nesta iniciativa, o EqualSea Lab ten por obxectivo determinar cal é o Índice da Saúde dos Océanos (Ocean Health Index) no litoral de Galicia.

Índice de Saúde dos Oceános

O Índice de Saúde dos Oceános (Ocean Health Index en inglés, OHI+) é unha metodoloxía baseada na análise dos beneficios e servizos que as persoas poden obter dos océanos, como poden ser os alimentos, os valores sociais e culturais e o emprego. Foi desenvolvida pola Universidade de Santa Bárbara (Estados Unidos) en 2012, e define como océano saudable aquel que achega de maneira sostible unha variedade de beneficios para as persoas, tanto no presente como no futuro.

É o método de referencia máis utilizado a nivel global para determinar como de saudables son os océanos nas distintas áreas do mundo a partir de dez metas principais (provisión de alimentos, oportunidades para a pesca artesanal, produtos naturais, biodiversidade, medios de subsistencia costeiros e economía, turismo e actividades recreativas, sentido de pertenza, protección costeira, augas limpas e secuestro de carbono), poñendo o foco en diversos factores económicos, medioambientais, sociais e culturais.

Punto de encontro e aprendizaxe

Co apoio desta consulta cidadá e a posterior análise realizada polo EqualSea Lab, Galicia poderá contar, por primeira vez, co seu propio índice, nun nivel de detalle do que dispoñen poucas zonas do planeta. “Esta consulta pública axudaranos a entender mellor o vínculo da sociedade galega co medio mariño. Imos coñecer valoracións sobre a percepción da saúde do océano, as ameazas e riscos que poden afectar a esta saúde da nosa costa e como as persoas vinculan un bo estado de saúde do mar ao seu propio benestar”, explica o profesor Sebastián Villasante.

Alén disto, segundo expón o equipo promotor da consulta, o método colaborativo co que se desenvolverá o OHI+ Galicia servirá como un foro de encontro e aprendizaxe, que axudará a identificar as interaccións entre as diversas actividades que se desenvolven nos océanos e establecer os obxectivos de xestión destes espazos en Galicia. O coñecemento xerado contribuirá, por tanto, a mellorar as ferramentas de conservación do territorio costeiro galego, e vai poñer en valor a relevancia das actividades pesqueiras, marisqueiras, acuicultura e o turismo, entre outras. E, deste xeito, xerará un impacto positivo no benestar das actuais e as futuras xeracións.

Sobre o EqualSea Lab

Este grupo de investigación interdisciplinario, dirixido polo profesor Sebastián Villasante, ten por obxectivo afondar no coñecemento das relacións que se establecen entre o mar e as comunidades costeiras, co obxectivo de impulsar cambios transformadores que conduzan a sociedades máis equitativas. Conta con expertos e expertas en bioloxía, economía, ciencias mariñas, xestión de pesquerías, equidade e gobernanza.

O equipo desenvolve, entre outras iniciativas, o proxecto EQUALSEA, financiado pola convocatoria de excelencia Consolidator Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC). Esta investigación está centrada no estudo de cambios transformadores que impulsan a sustentabilidade e equidade dos océanos, identificando iniciativas prometedoras chave para asegurar que os alimentos azuis poidan alimentar a humanidade.

De esquerda a dereita, Katina Roumbedakis, Vicente Pérez e Sebastián Villasante. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Katina Roumbedakis, Vicente Pérez e Sebastián Villasante. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.11.2022.