Pasar al contenido principal

A mocidade emprendedora da USC pode inscribirse no programa Explorer ata o 13 de decembro en Lugo e Santiago

Cartaz do programa Explorer
Cartaz do programa Explorer
Iniciativas de negocio consolidadas como Innogando ou Legalmit xurdiron ao abeiro desta iniciativa de impulso do talento mozo, estruturada en sesións de formación e mentoring que se desenvolverán desde o 30 de xaneiro ata finais de abril na Facultade de ADE e no edificio Emprendia. Os mellores proxectos participarán no Explorer Trip, nun polo de emprendemento internacional que se celebrará en Valencia
Lugo, Santiago de Compostela

A mocidade universitaria emprendedora pode formalizar a súa inscrición na nova convocatoria do programa Explorer ata o 13 de decembro, a través da plataforma Santander X. A nova edición desta iniciativa de impulso ao talento mozo promovida polo Banco Santander e dirixida polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) en colaboración local coa USC, a Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo, desenvolverase de xeito semipresencial e/ou en liña desde o 30 de xaneiro ata o 30 de abril nos campus de Lugo e de Compostela.

Logo de 15 edicións, a mocidade emprendedora da USC xa se ten convertido en protagonista de seu do programa Explorer, que, no caso da sede universitaria luguesa, actuou como xermolo de iniciativas de negocio hoxe xa consolidadas, tal e como é o caso de Innogando ou, entre outras, Legaltmit, unha firma de base tecnolóxica que ven de recibir unha importante inversión de capital por parte do fondo Lugo Transforma.

A nova convocatoria do Explorer está estruturada en 12 semanas de formación e mentoring, un período durante o que a mocidade emprendedora inscrita terá a oportunidade de conectar cunha comunidade internacional de emprendedores de dez países (Argentina, Brasil, Chile, México, España, Portugal, Reino Unido, Uruguay, Alemaña e EE.UU.), validar a súa idea de negocio e desenvolver as habilidades necesarias (liderado, traballo en equipo ou habilidades de comunicación) para transformala nunha solución viable e sostible.
A mocidade participante desenvolverá as súas ideas de forma colaborativa nestes centros de coworking de alto rendemento, nos que tamén se favorece a conexión con outros emprendedores, ao tempo que se ofrece asesoramento personalizado e monitorización. De feito, os Explorer Space da USC están localizados no edificio Emprendia de Santiago, un enclave considerado núcleo da transferencia de coñecemento, innovación e emprendemento do Campus Vida, e  na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo. As dúas ubicacións contan con espazos coworking e ferramentas para a incubación e a formación, tanto presencial como virtual.

As actividades dos Explorer Space habilitados na USC intégranse no programa que se xestiona dende a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE). Todas as persoas interesadas en desenvolver a súa idea de negocio e optar ós premios, deberán presentar a súa candidatura (solos ou en equipo) a través da plataforma de emprendemento Santander X ou ben anotarse no USCSantiagoSpace ou USCLugoSpace.

Os proxectos premiados no Explorer Space da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo contarán tamén coa dispoñibilidade dun espazo de incubación para o seu proxecto na Fundación CEL, que colaboran activamente na difusión e desenvolvemento do programa entre o seu tecido empresarial.

Unha vez completado o programa Explorer, os promotores das mellores iniciativas de negocio maduradas en cada entidade local accederán ao Explorer Trip, un cumio de emprendedores que se desenvolverá en Valencia e que permitirá á mocidade participante intercambiar experiencias e coñecementos durante unha semana nun reconocido polo de innovación europeo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.11.2022.