Pasar al contenido principal

Entrega dos premios á Introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación

Os IX Premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación entregaranse este venres 19 nunha cerimonia que presidirá ás 11.00 horas no Salón de Graos de San Xerome o reitor da USC, Antonio López. Intervirán ademais a xefa de Servizo de Promoción e Cooperación Institucional da Secretaria Xeral da Igualdade, Mª Luz González González; a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta I. Lois González.

Esta iniciativa responde á acción 2.12 do II Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC e contempla dúas modalidades de participación dirixidas a membros e equipos do PDI da USC. Unha primeira para accións innovadoras con inclusión da perspectiva de xénero na docencia e outra que valora os traballos de investigación con perspectiva de xénero en calquera ámbito do coñecemento.

Os premios foron seleccionados polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ e incluída na ferramenta en liña GEAR tool de apoio a organizacións investigadoras na creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero.

Esta novena edición conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, como entidade financiadora dos primeiros premios.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.10.2018.